subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso programa sete actividades na “Semana Cultural” do 23 de agosto ao 8 de setembro


Unha excursión ao Aquapark de Cerceda para maiores de oito anos abrirá a programación lúdica o martes da vindeira semana

orosoA Concellaría de Cultura de Oroso vén de programar un total de sete actividades culturais e lúdicas no marco da “Semana Cultural 2022”, que se desenvolverá desde o martes día 23 de agosto ata o xoves día 8 de setembro.

As actividades comezarán o vindeiro martes 23 de agosto cunha excursión ao Aquapark de Cerceda dirixida a maiores de oito anos de idade. As prazas son limitadas e o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o venres 19 de agosto no Centro Cultural.

Ao día seguinte, o mércores 24 de agosto, a explanada da piscina municipal acollerá o espectáculo teatral para todos os públicos “A tropa do doutor milagre”, a cargo de Urdime. Dous días máis tarde, o venres 26, a Praza de Isaac Díaz Pardo será o escenario do espectáculo de música e movemento para todos os públicos “Pisando ovos – Give it a Spain”, incluido no programa “Cultura no Camiño”. O martes 30 de agosto, Magín Blanco ofrecerá o espectáculo musical “A banda das apertas” na explanada da piscina, tamén ao abeiro de “Cultura no Camiño” e dirixido a todos os públicos.

Xa no mes de setembro, o venres 2 a Praza de Isaac Díaz Pardo acollerá a actuación musical de Cora Velasco, incluida no programa “Cultura no Camiño”, mentres que o martes 6 de setembro será Marta Alonso Tejada quen ofreza o espectáculo de danza e humor “Sofá” na explanada da piscina. Por último, o xoves 8 de setembro, Urdime programará a obra teatral “Muiñada”, para todos os públicos, no Parque do Carboeiro.