subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso habilita un local para mellora-la atención sanitaria dos nenos/as do municipio.


O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegura que se trata dun “remendo moi ben botado” ata a construcción do novo Centro de Saúde

oroso O Concello de Oroso vén de habilitar un local na rúa do Campo nº 9 (Sigüeiro) para mellora-la atención sanitaria dos nenos/as do municipio. Un local, de 165 metros cadrados e totalmente equipado, que comezará a atender aos veciños/as de Oroso a partires do 3 de setembro. Segundo o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, este local é “un remendo moi ben botado ata a construcción do novo centro de saúde de Oroso”, que podería estar listo nun prazo de dous anos.

A nova instalación sanitaria orosina ocupa unha extensión de 165 metros cadrados, distribuidos en dúas salas de consulta de pediatría, unha sala de enfermería e unha sala para a matrona. Asemade, dispón dunha habitación para a recepción dos pacientes, sala de espera e aseos. Uns baños que, por exemplo, demostran o coidado posto polo Concello de Oroso na rehabilitación deste local, xa que mesmo dispoñen dun espazo especialmente preparado para cambia-los cueiros dos meniños/as.

Este local da rúa do Campo nº 9 estará atendido por dous pediatras (un máis ca nas anteriores dependencias do centro de saúde), unha comadrona, un ATS e un administrativo, en horario de mañán. Un persoal que dende o Concello de Oroso esperan que se incremente en breve, xa que para o mes de xaneiro agardan que poida producirse a incorporación de dúas enfermeiras e un médico máis. Neste senso, Manuel Mirás está convencido de que “a Consellería de Sanidade terá un bo comportamento connosco”, respaldando a iniciativa do Concello de Oroso.

As obras de habilitación deste novo local tiveron unha duración de tres meses e permitirán desconxestionar o actual Centro de Saúde de Sigüeiro, xa que atenderán a uns 1.300 rapaces. Dende o Concello de Oroso agardan que o Sergas inicie en breve o proxecto para a construcción dun novo centro de saúde no municipio, que podería estar listo nun prazo de dous anos. Mentras tanto, dende o Concello de Oroso teñen a intención de solicitar que o actual Centro de Saúde abra tamén polas tardes para mellora-la atención aos veciños/as do municipio.