subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso esixe á xerencia da área sanitaria que solucione de forma inmediata os problemas na atención telefónica do Centro de Saúde


orosoO Concello de Oroso recibe desde hai tempo numerosas queixas dos seus veciños e veciñas pola deficiente xestión do servizo telefónico do centro de saúde.

“Estamos nunha situación en que é prácticamente imposible falar por teléfono co centro de saúde para pedir unha cita, tendo en conta ademais que moitos usuarios son persoas maiores que non manexan as aplicacións de Internet”, explica Beatriz Rodeiro, concelleira de Sanidade de Oroso.

Tanto Rodeiro como o alcalde, Luis Rey, puxéronse en contacto coa xerencia da área sanitaria para demandar unha solución, que ademais provoca colas e aglomeracións na entrada das instalacións ante a imposibilidade de conseguir atención telefónica.

O concello agradece o gran traballo e a profesionalidade do persoal sanitario do centro de saúde, pero insiste en que os problemas derivan da atención telefónica e tomará outras medidas de presión se non hai un cambio de inmediato.

“A xerencia coñece o problema porque lle enviamos xa unha carta o 29 de xuño solicitando unha reunión, pero non toma medidas”, engade Rodeiro.

O concello lembra que no tráxico suceso do pasado 4 de xuño, cando se declarou un incendio nun edificio do centro, solicitouse de urxencia persoal sanitario do centro de saúde pero o teléfono de novo non funcionaba, polo que tivo que desprazarse ata alí Protección Civil para dar aviso.

“Dita situación pode volver pasar, o centro de saúde de Oroso necesita un servizo de atención telefónica digno e non pararemos ata atopar unha solución”, remata a concelleira de Sanidade.