Sigüeiro contará en 2009 cun novo centro de saúde, que custará 1,8 millóns de euros.
Manuel Mirás asegura que “cun novo PXOM e con este centro de saúde, Oroso vai ser o concello de moda nos vindeiros dez anos e nos poremos entre os 12.000 ou os 13.000 habitantes”.
Sigüeiro contará en 2009 cun novo centro de saúde, de 3.185 metros cadrados de superficie e orzamentado en 1.815.000 euros. Así llo confirmou esta tarde a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, ao alcalde de Oroso, Manuel Mirás, durante a reunión que mantiveron para coñecer o protocolo de actuación para a construcción do novo centro de saúde de Sigüeiro.
Un centro cuio proxecto “esperamos que o arquitecto o entregue en febreiro”, adiantou Rubio Vidal, “despois o revisarán os nosos técnicos e o licitaremos canto antes”. Uns trámites que permitirán que “no ano 2009 podamos utilizar ese novo centro de saúde”, confirmou a conselleira de Sanidade. Asimesmo, María José Rubio apuntou que o estudio e a redacción do proxecto contaron cun orzamento que ascende a 55.774 euros, mentres que a obra contará cun orzamento superior aos 1.815.000 euros. Un centro que, a falta de que esté rematado o proxecto arquitectónico, contará con oito consultas, segundo adiantou tamén a conselleira.
Unha nova que foi moi celebrada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen dixo que “hoxe é un gran día porque se trata dun investimento moi importante que redundará na calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Oroso”. De feito, asegurou que “o Concello de Oroso, co PXOM novo e con este novo centro de saúde, vai ser o concello de moda nos vindeiros dez anos e que nos poremos entre os 12.000 ou os 13.000 habitantes”.
Mirás solicita un novo facultativo
O alcalde de Oroso destacou que “dende o 2005 a calidade sanitaria no concello de Oroso aumentou sensiblemente” e puxo o exemplo o servizo de pediatría, “onde temos unha ratio pediatra/nenos dos mellores da comarca”. Un dato que confirmou a propia conselleira xa que, coa incorporación do novo pediatra o pasado mes de setembro, entre os dous atenden a 573 nenos (mentres que a ratio recomendada en Galicia é de 900 nenos por pediatra). Unha mellora á que contribuíu a decisión do Concello de Oroso de habilitar un local de pediatría cun novo profesional o pasado mes de setembro.
En canto ás melloras de persoal, a conselleira de Sanidade lembrou que o cadro de persoal actual do centro é de catro profesionais de Medicina e Familia, tres diplomados en enfermeiría, dous profesionais de pediatría, unha matrona e dous profesionais de servizos xerais. Asimesmo, confirmou que está previsto incrementar o cadro de persoal coa incorporación dun profesional da Medicina Familiar e Comunitaria e dous profesionais de enfermería.
O alcalde de Oroso agradeceu a boa disposición da conselleira e aproveitou para solicitarlle a incorporación “dun médico máis, seguindo coa liña de mellora nos recursos humáns experimentada dende 2005”. Unha incorporación que Mirás Franqueira pedíu que “se produza este mesmo ano, xa que se necesita”.
Visita aos terreos
Posteriormente, Mirás e Rubio realizaron unha visita aos terreos onde se construirá o novo centro de saúde de Sigüeiro. Concretamente, trátase da parcela número sete do plan de adxudicación dos terreos resultantes do Proxecto de Compensación do Área de Reparto número 1, Río Carboeiro, destinada xa no PXOM a equipamento sanitario. Unha parcela de 3.185 metros cadrados que está ubicada moi preto das actuais dependencias sanitarias.
Posteriormente, a conselleira de Sanidade e o alcalde de Oroso visitaron o novo centro de pediatría posto en marcha polo Concello de Oroso o pasado mes de setembro para desconxestionar a situación do actual centro de saúde de Sigüeiro, xa que atende a uns 1.300 rapaces. Este local, ubicado na rúa do Campo nº 9 de Sigüeiro, ocupa unha extensión de 165 metros cadrados, distribuidos en dúas salas de consulta de pediatría, unha sala de enfermería e unha sala para a matrona. Asemade, dispón dunha habitación para a recepción dos pacientes, sala de espera e aseos.
A conselleira de Sanidade estivo acompañada neste acto pola directora provincial do Servizo Galego de Saúde, Pilar Mata Freire, e pola xerente de Atención Primaria de Santiago, Ana Castaño Carou. Por parte do Concello de Oroso, Manuel Mirás estivo acompañado polo grupo de Goberno en pleno.
Na actualidade, o centro de saúde de Oroso atende a 7.309 usuarios e usuarias, e cada médico de familia ten unha media de 1.540 tarxetas asignadas, os pediatras atenden unha media de 573 usuarios cada un, e o ratio de enfermería é de 2.436 pacientes.