subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso elaborará un protocolo de actuación contra a violencia de xénero.


Proporcionará unha serie de pautas a seguir polos departamentos municipais, centro de saúde, Policía Local, Xulgado e servizos da Mancomunidade ante unha situación de violencia contra a muller.

O Concello de Oroso vén de iniciar o proceso de elaboración dun protocolo de actuación contra a violencia de xénero. Un proceso que comezou hoxe martes en Sigüeiro coa primeira reunión interadministrativa entre representantes políticos e das distintas institucións que participan no proxecto: Policía Local, Centro de Saúde, Protección Civil, Xulgados e servizos especializados dependentes da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes (Asesoría Xurídica e Apoio Psicolóxico).

A concelleira de Asuntos Sociais e Muller, María Carmen Liste, explica que “co establecemento e instauración dun protocolo municipal pretendemos proporcionar unha serie de pautas a seguir polos distintos departamentos municipais e extramunicipais que deben intervir ante unha situación de violencia contra a muller”. Deste xeito, “poderemos dar unha resposta efectiva na súa totalidade a unha situación complexa que require de actuacións múltiples: lexislativas, psicolóxicas, educativas, sociais, culturais, sanitarias, económicas e mesmo laborais que posibiliten a superación destas situacións de violencia e garanticen a esas mulleres a súa condición de cidadáns de pleno dereito”.

Neste primeiro encontro celebrado hoxe en Sigüeiro participaron a concelleira de Asuntos Sociais e Muller e representantes dos servizos sociais do Concello de Oroso, do centro de saúde de Sigüeiro, da Policía Local, de Protección Civil, do Xulgado de Paz e a asesora xurídica e a responsable do servizo de atención psicolóxica da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. En definitiva, todos os axentes que están máis directamente ligados ao problema da violencia de xénero e que conformarán a comisión de traballo que elaborará o protocolo de actuación.

Importancia da formación

Un dos primeiros traballos a realizar por esta comisión será o de sensibilizar aos axentes sociais no feito de que a violencia de xénero non é únicamente a agresión física, senón que tamén existe outro tipo de violencia psicolóxica de carácter máis sutil pero con efectos destructivos sobre a personalidade da muller. O obxectivo é, pois, sensibilizar e proporcionar unha formación axeitada aos distintos profesionais que traballan na prevención e na intervención nos casos de violencia de xénero.

Para conseguir esta formación, ao longo dos vindeiros martes desenvolverase un obradoiro formativo, composto de cinco sesións de 3 horas cada unha. Unhas xornadas nas que os participantes recibirán os coñecementos precisos en canto á violencia contra as mulleres e as ferramentas axeitadas para unha intervención apropiada.

Unha vez finalizado este taller formativo, acometerase a elaboración do protocolo de intervención. Nel identificarase un proceso operativo de intervención en caso de violencia de xénero, no que estarán identificados cada un dos departamentos e servizos implicados, así como un itinerario de actuación especial para cada un deles. Así mesmo, elaboraranse unhas fichas de recollida de datos para que as persoas que atendan ás mulleres maltratadas saiban que pasos deben dar e cara onde teñen que derivar o caso en cada momento.

Finalmente, o Concello de Oroso publicará na súa páxina web institucional unha sección informativa desta comisión de traballo contra a violencia de xénero. Neste sitio web informarase do protocolo e ofrecerase información sobre a violencia contra as mulleres (teléfonos, servizos de axuda, recursos, documentos…).

O prazo inicialmente marcado para o desenvolvemento deste proxecto, que está subvencionado pola Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar a través dun programa experimental e innovador en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, é de tres meses, polo que o protocolo podería estar listo o vindeiro mes de decembro.