subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Medio Rural investirá 3,6 millóns de euros na parcelaria de Senra, Cardama e Vilarromariz.


Con estas obras, que comezarán a principios de 2008, quedará rematada a concentración parcelaria de todo o concello de Oroso.

A Consellería de Medio Rural vén de confirmarlle ao Concello de Oroso un investimento de 3,6 millóns de euros para a execución da concentración parcelaria das parroquias de Senra, Cardama e Vilarromariz. “A delegada de Medio Rural, Olga García Agra, confirmounos este investimento”, apunta o tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Xosé Manuel Pérez Penas, quen apunta que “deste xeito queda rematada a concentración parcelaria de todo o concello”.

Unhas obras que “comezarán a executarse a principios de 2008”, adianta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen considera que “é moi importante que esta concentración se acabe porque é fundamental para que Oroso sega medrando”. Neste sentido, compre lembrar que as parroquias beneficiadas por esta actuación son as que inclúen un maior número de explotacións agropecuarias, en especial no caso de Cardama.

Mirás Franqueira amosa o seu agradecemento á Consellería de Medio Rural por este investimento xa que “dende que está o bipartito na Xunta puidemos avanzar nas dúas concentracións parcelarias que nos faltaban en Oroso e que, co goberno do PP, non avanzaran nada”. Unha afirmación que corrobora Pérez Penas, quen confirma que “foi o novo Goberno da Xunta quen puxo a andar estes proxectos, que outros levaban prometendo dende hai cerca de vinte anos, pero tivo que haber un cambio de goberno para que a Xunta fora sensible a estes temas”.

As obras de concentración parcelaria de Senra, Cardama e Vilarromariz comezarán a executarse a principios de 2008. Nestes momentos hai outra parcelaria en execución, a que beneficia ás parroquias de Os Ánxeles, Calvente, Pasarela e Marzoa, e que está orzamentada en 1,5 millóns de euros. Con estas dúas actuacións quedará rematada a concentración parcelaria de todo o municipio de Oroso.