subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso apraza a representación de “O cardume” ao 28 de novembro ante as previsións de choivas para este venres.


A lectura do manifesto terá lugar ás 12:30 horas na praza Isaac Díaz Pardo. En caso de choiva, trasladarase ao salón de Plenos.

O Concello de Oroso vén de acordar o aprazamento da representación do espectáculo “O Cardume” para a xornada do martes 28 de novembro, ante o anuncio da entrada mañá venres 24 de novembro dunha fronte moi activa con chuvias de carácter persistente. A concelleira da Muller, María del Carmen Liste, explica que “ante as malas predicións meteorolóxicas, pensamos que é mellor non desprazar aos nenos e nenas de infantil ata o centro cultural polo que, ante a imposibilidade de levar mañá o espectáculo aos colexios, decidimos aprazar a actuación ata o vindeiro martes 28”.

“O Cardume” é un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo. Nesta actuación, unha narradora e un músico achegarán aos nenos e nenas de Oroso historias onde as personaxes traballan en conxunto para acadar os seus soños, promovendo valores como a cooperación, a solidariedade, a axuda mutua, a igualdade ou a equidade.

O tempo tamén condicionará o lugar onde se dará lectura ao manifesto institucional contra a violencia de xénero, inicialmente programado para as 12:30 horas na Praza Isaac Díaz Pardo. En caso de choiva, a lectura tería lugar no salón de plenos do Concello de Oroso.

Oroso en negro

O que se desenvolverá sen problemas é a campaña “En negro, contra a violencia”, que pretende tinguir de negro o municipio a través dos escaparates do comercio, da roupa de traballo, dos balcóns do municipio... en sinal de dor por todas as vítimas da violencia machista. A campaña estará activa ata o vindeiro 26 de novembro e contará coa participación da gran maioría do sector comercial e hostaleiro do municipio, tanto os establecementos asociados a Sigüeiro Vende como os que non o están. Unha iniciativa na que o Concello conta coa colaboración da Deputación da Coruña e Gadisa.