subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso súmase á campaña “En negro, contra a violencia”, que inclúe o reparto de mochilas negras entre todo o alumnado.


O proxecto, que conta coa colaboración do comercio e a hostalería local, busca tinguir de negro Oroso entre o 23 e o 26 de novembro.

orosoO Concello de Oroso adheriuse este ano á campaña “En negro, contra a violencia”, unha iniciativa na que participan 75 concellos e deputacións e que pretende tinguir de negro o municipio a través dos escaparates do comercio, da roupa de traballo, dos balcóns do municipio... Un loito en sinal de dor por todas as mullleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

A campaña porase en marcha entre o 23 e o 26 de novembro e terá como protagonistas ao sector comercial e hostaleiro do municipio. A concelleira de Muller, María del Carmen Liste, salienta “a gran implicación do comercio orosá, en especial da asociación Sigüeiro Vende, que dende o primeiro momento amosaron o seu interese en visibilizar unha lacra social como é a violencia contra as mulleres”. Así, durante eses tres días o negro será a cor principal no comercio orosán, con carteis, camisetas e mandís co lema “Oroso en negro”. Unha iniciativa na que o Concello conta coa colaboración da Deputación da Coruña e Gadisa.

Así mesmo, “dende o Concello animamos a toda a veciñanza a sumarse á iniciativa colgando prendas negras nos balcóns e fiestras das súas vivendas durante eses tres días, co obxectivo de tinguir Oroso en negro”, apunta María del Carmen Liste.

Ensino

Paralelamente, o Concello de Oroso continuará coas tradicionais actuacións de prevención cos escolares do municipio. Así, o venres 24 de novembro repartirá mochilas negras coa lenda “Oroso en negro” entre todo o alumnado do municipio: IES de Oroso, CEIP de Sigüeiro, CPI do Camiño Inglés e Centro Rural Agrupado). Así mesmo, o alumnado de educación infantil asistirá a dúas sesións teatrais de “O Cardume”, un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo, que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro en dúas sesións: de 10:00 a 11:00 e de 11:30 a 12:30 horas. Nesta actuación, unha narradora e un músico achegarán aos nenos e nenas de Oroso historias onde as personaxes traballan en conxunto para acadar os seus soños, promovendo valores como a cooperación, a solidariedade, a axuda mutua, a igualdade ou a equidade.

Ás 12:30 horas procederase á lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero na Praza Isaac Díaz Pardo. Finalmente, o sábado 25 procederase ao reparto de camisetas negras coa lenda “Oroso en negro” en Sigüeiro.