As orosás Mayte Silva e Leticia Blanco gañan a sétima edición do concurso de fotografía “Muller traballadora” do Concello de Oroso.
A exposición de orixinais, canda unha selección de fotografía antigas de mulleres orosás, poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata finais de marzo.
O Concello de Oroso entregou os premios da sétima edición do concurso de fotografía “Muller traballadora” na noite do mércores, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller. Un certame que foi gañada por dúas veciñas do municipio: Mayte Silva Tojo, na categoría xeral, e Leticia Blanco Mosquera, que repetiu trunfo por segundo ano consecutivo na categoría infantil.
Uns premios que foron entregados polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e pola concelleira da Muller, María del Carmen Liste, nun acto no que participaron máis de medio cento de veciños e veciñas. A sesión comezou con música, da man dos nenos e nenas de Música e Movemento da Escola de Música de Oroso, que interpretaron un himno á muller levando vestidos, collares, maquillaxe... A súa mestra, Sonia García Vidal, explicou a razón: “fixemos unha clase na que lles preguntei que era unha muller para eles, e comezaron a dicir que levaban vestidos, pendentes, collares, tacóns, que ían pintadas... Hoxe están demostrando que ser muller non é unha condición que se ten pola roupa ou as cousas que te poñas”.
O alcalde orosán agradeceu a asistencia de todos os veciños e veciñas presentes no centro cultural pois “ogallá algún día non haxa que celebrar este día porque se teña acadado a plena igualdade, pero ata entón todo acto de concienciación que se faga é ben recibido”. Un punto no que incidiu a concelleira da Muller, quen advertiu de que “nos colexios estanme advertindo que estamos indo cara atrás, que as nenas son máis permisivas e os nenos non son conscientes de certos comportamentos machistas”, polo que insistiu en que “todo o que fagamos cos neno e coas nenas, como o teatro desta mañá ou a charla no instituto, é o camiño a seguir”.
Premiados
Tras dar lectura ao Manifesto Institucional do Día da Muller, María del Carmen Liste entregou os premios do VII Concurso de Fotografía “Muller traballadora”, certame aberto a todos os veciños e veciñas das comarcas de Ordes e de Santiago. Nesta ocasión, o primeiro premio recaeu en “Creando”, de Mayte Silva Tojo, veciña da Gándara que levou un premio de 250 euros por unha imaxe dunha muller pintando unha peza de cerámica. O premio foi recollido pola súa filla.
O segundo e o terceiro premio, de 150 euros e 100 euros, foron para o orosán Cristian Blanco Mosquera, gañador da quinta edición deste certame. Nesta ocasión foi premiado polas súas fotografías “Folerpa” e “Asubío”, dúas imaxes sobre o traballo no campo de mulleres de avanzada idade.
Na categoría infantil, que se celebraba por segunda vez, a orosá Leticia Blanco Mosquera volveu acaparar os dous primeiros premios do certame, ao igual ca o ano pasado. Polas súas obras “Bágoa” e “Riquiña”, levou dous vales de 100 e 60 euros a trocar nun establecemento do Concello de Oroso. O terceiro premio foi para “Aprendendo da mellor”, de Enerith Gómez Casado, que levou un vale de 40 euros a trocar nun establecemento de Oroso.
As imaxes gañadoras, así como as participantes e unha selección de imaxes antigas achegadas pola veciñanza de Oroso poderán visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural de Sigüeiro ata finais de mes. Son un total de setenta imaxes coa muller como protagonista.