subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manifesto contra a violencia de xénero 2016 do Concello de Oroso.


 

Nos últimos dez anos 22.000 mulleres galegas foron vítimas de maltrato en España. En Galicia hai 2.962 mulleres maltratadas que se ven obrigadas a ter protección policial. Máis de 800 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou ex-parellas dende o ano 2003, ano no que comezaron a recompilarse estatísticas oficiais. E nos últimos 5 anos foron 681 asasinatos de mulleres. Neste ano 2016, 44 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex-parellas. 1 vítima e 2 están en investigación en Galicia. Non podemos esquecer os menores que quedaron orfos por violencia de xénero.

Ante esta violencia non queremos permanecer impasibles porque para o Concello de Oroso, a coeducación e a educación en valores como a igualdade entre mulleres e homes é un principio fundamental.

E o principio desta igualdade está nas familias e nos centros educativos. O noso compromiso contra a violencia de xénero é firme e permanente. O Estado debería priorizar a loita contra a violencia de xénero con orzamentos adecuados, con políticas de prevención e recursos suficientes para a protección das mulleres vítimas e dos seus fillos e fillas.

Todas as forzas políticas debemos lograr un grande acordo contra a violencia de xénero. Debemos acadar unha tolerancia cero coa violencia contra as mulleres pois debe ser un valor da sociedade no seu conxunto. É un reto de obrigado cumprimento erradicar a violencia de xénero dos nosos municipios, con medidas tales como o reforzo da rede de atención, asistencia e protección social que garanta ás mulleres en situación de violencia a súa seguridade e o seu dereito a refacer as súas vidas. Un Estado digno esixe avanzar cara a unha sociedade segura e libre de violencia de xénero.

A educación é unha das nosas preocupacións. É fundamental romper os ciclos, para que a violencia de xénero non pase de xeración en xeración. Unha das medidas principais nesta área é a incorporación ao currículo en todas as etapas educativas da formación específica en igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero. E a educación é a vacina contra a violencia, como dicía Edward James Olmos. Consideramos que é o momento de ampliar a Lei integral contra a violencia de xénero de maneira que estean recollidas nela todas as manifestacións da devandita violencia e non exclusivamente as que se producen en relacións de parella, como ocorre neste momento.

Un ano máis, queremos recordar a todas e cada unha das vítimas da violencia de xénero. Mulleres con nomes e apelidos, con soños e ilusións, con vidas que foron truncadas por unha violencia cruel exercida, precisamente, pola persoa coa que un día decidiron compartir a súa vida. Tamén, a todos os menores, os fillos e as fillas dos maltratadores, vítimas á súa vez desta violencia, vítimas mortais incluso, convertidas en último exercicio de vinganza contra as súas nais. Por todas estas razóns, atendemos ao chamamento de Nacións Unidas de conmemorar o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e ratificamos os nosos compromisos de rexeitamento da violencia de xénero e de traballar ata conseguir a súa erradicación.

Se nos concienciamos como sociedade, se construímos un «exército» entre os que non aceptamos o maltrato e empezamos a denunciar todos os actos que vemos ao noso arredor. Non serve pasar do asunto. Se unha muller non é capaz de denunciar, fagámolo nos.