subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso conmemora o día da Muller con contacontos, proxección de curtametraxes e coa entrega de premios do concurso de fotografía


O centro cultural de Sigüeiro acolle este venres, ás 18:00 horas, unha sesión especial de contacontos dirixida a un público familiar. Entrada libre e de balde

O Concello de Oroso ten preparado un amplo programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller. Tres delas terán lugar este venres 6 de marzo: o contacontos “Contos de nenas grandes e pequenas” (ás 18:00 h.), a proxección de cinco curtametraxes sobre a muller e a entrega de premios do V Concurso de Fotografía “Muller Traballadora” (ás 20:15 h.). Todas elas son de participación libre e de balde no centro cultural de Sigüeiro, polo que a concelleira da Muller, María del Carmen Liste, fai un convite a toda a veciñanza xa que “acadar unha igualdade real pasa non só polo traballo das mulleres, senón tamén por contar co apoio dos homes e de toda a sociedade”.

A conmemoración do Día da Muller en Oroso comezará este venres ás 9:20 horas, no IES Oroso, onde o alumnado de 1º e 2º da ESO participarán nunha proxección de curtametraxes sobre a muller baixo o título xenérico “Igualdade, diversidade, convivencia, respecto, non discriminación”. Ás 12:00 horas, o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Oroso e do CEIP Sigüeiro participará noutra proxección de curtametraxes, que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro.

Esta actividade, organizada polo Concello de Oroso e CortoEspaña, incluirá a proxección de cinco curtas: “Con la boca cerrada”, de Anna Farré; “It girl”, de Oriol Puig Playá; “Escúchame”, de David de la Torre; “Silencios”, de Jesús Méndez; e “Absolutamente personal”, de Julián Merino. Despois de visionalos, os alumnos e alumnas votarán á mellor curtametraxe, que recibirá un premio de 100 euros.

Contacontos

Xa pola tarde, ás 18:00 horas o centro cultural de Sigüeiro acollerá unha sesión especial de contacontos a cargo da compañía A Tropa de Trapo. “Contos de nenas grandes e pequenas” ten unha duración de 45 minutos e está recomendado para un público familiar con nenos e nenas maiores de 5 anos, que poderán disfrutar dunha divertida sesión de teatro, contos e música en directo. A participación é libre e de balde.

Finalmente, ás 20:15 horas, terá lugar a entrega de premios do V Concurso de Fotografía “Muller Traballadora” do Concello de Oroso, de acordo coa decisión dun xurado presidido pola concelleira da Muller e que se reunirá mañá xoves para tomar a súa decisión.

Recoñecemento a mulleres

Así mesmo, e ao longo do mes de marzo, o Concello de Oroso homenaxeará a unha serie mulleres orosás que ao longo da súa vida traballaron e se esforzaron para conseguir un mellor futuro para a súa familia e para a sociedade. “Dado que a idade de moitas delas é moi avanzada, o acto de recoñecemento terá lugar na casa da propia galardoada”, explica María del Carmen Liste, que acudirá a esta homenaxe canda o alcalde Manuel Mirás.

A selección de mulleres para este recoñecemento a toda unha vida de traballo baséase nas propostas realizadas polos propios veciños e veciñas de Oroso ao longo do pasado mes pasado e presentadas nos Servizos Sociais canda un breve currículo da candidata.