subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O centro cultural de Sigüeiro acolle unha mostra de 38 fotografías conmemorativas do Día da Muller.


O Concello de Oroso celebrará un obradoiro gratuíto sobre o traballo e o seu efecto na saúde das mulleres o vindeiro mércores 12 de marzo.

orosoO centro cultural de Sigüeiro acollerá durante as próximas semanas unha mostra fotográfica coas 38 imaxes presentadas ao IV Concurso de Fotografía “Muller Traballadora”, que foi inaugurada na noite de onte venres polo alcalde, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Ensino, Antonio Leira. Estas 38 fotografías supoñen acadar un novo récord neste concurso, incrementando nun 58% o número de participantes da edición de 2013 (24 fotografías).

Un aumento da participación que mesmo veu acompañada por primeira vez da participación de persoas de fóra de Galicia, de feito dous dos gañadores son de Alacante e de Valencia, e mesmo de fóra do territorio nacional, pois mesmo houbo un participante do Brasil que enviou tres imaxes ao concurso. Este feito motivou que ningún dos tres premiados estivese presente na noite de onte para recolleren os seus premios de 250, 150 e 100 euros, respectivamente. O Concello de Oroso porase en contacto con eles para a súa entrega.

Premios

A fotografía gañadora do primeiro premio do IV Concurso de Fotografía “Muller Traballadora” do Concello de Oroso foi “Mariscadoras”, de Roberto Milán (Alacante) por unha imaxe que recolle o traballo destas profesionais nunha ría galega. O segundo posto foi para o compostelán Brais Dacosta, pola súa imaxe “No mercado”, que amosa unha venda entre dúas mulleres nun antigo mercado. Completou o podio José Beut Duato, coa súa fotografía “Igualdad?”, na que amosa unha escaleira con con dúas direccións na que o home traxeado sube con facilidade cun maletín mentres que a muller leva a maiores a rastras un carriño coa compra.

O xurado do concurso estivo formado por Lucía Vilariño, técnica de Cultura de Oroso; Rosa María Ramírez, axente de emprego de Oroso; María Dolores Graña, psicóloga do Centro de Información á Muller de Ordes; e Rosa Fuentes, técnico social de Oroso.

Deserto o concurso de relatos

O éxito do concurso de fotografía mitigou en certa forma a decisión de declarar deserto a primeira edición do concurso de relatos breves “Olla para min”. O xurado acordou deixar deserto este premio por dous motivos: a escasa participación e a non adaptación dos contidos dos relatos presentados ás normas requiridas nas bases (xa que os relatos tiñan que estar relacionados co esforzo e coa participación das mulleres na construción e o crecemento da sociedade, onde as diferenzas sexan un valor engadido e as desigualdades por razón de sexo desaparezan).

O xurado estivo presidido por María del Carmen Liste Raña, concelleira da Muller (que onte non puido presidir o acto por motivos familiares), e composto por Rosa Fuentes, técnico social do Concello de Oroso; Montserrat Lata, psicóloga do Proxecto Familia; María José Liste, asesora xurídica do Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes; e Tania Carro, escritora e veciña de Oroso.

Antes de comezar a entrega de premios, o concelleiro de Ensino, Antonio Leira, deu lectura ao Manifesto do Día da Muller, acordado por unanimidade por todos os grupos municipais. Leira Piñeiro destacou a importancia desta unanimidade en Oroso, que lamentou non poder ter acadado noutros foros como na Deputación da Coruña, pero tamén indicou que “a desigualdade e a participación social e política da muller aínda é unha fronte que está pendente”.

Xornada sobre o traballo e a saúde

Por outra banda, Leira lembrou que o Concello de Oroso organiza un obradoiro práctico-formativo chamado “A influencia da situación persoal e laboral na saúde das mulleres”, que terá lugar o próximo mércores 12 de marzo, ás 19:30 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Un obradoiro de asistencia gratuíta, se ben é preciso anotarse antes das 13:30 horas do propio mércores 12 de marzo nos Servizos Sociais de Oroso ou no 981 688 950.

A xornada será impartirá pola Asociación de Profesionais da Saúde de Cerceda, que explicará que as condicións de traballo están estreitamente relacionadas coas desigualdades de xénero e co estado de saúde das mulleres. Unhas desigualdades de xénero que limitan as oportunidades das mulleres en múltiples ámbitos da súa vida (laboral, familiar, educativo,etc.) e isto incide directamente na súa saúde. Unha saúde que está afectada pola segregación laboral, polas responsabilidades familiares, pola dobre xornada, etc.