subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso convoca os "Martes saudables cos maiores", charlas e talleres que terán lugar os primeiros martes de cada mes.


O éxito acadado por convocatorias anteriores converten en fixa esta iniciativa destinada a mellorar a saúde dos maiores orosáns.

orosoO Concello de Oroso vén de convocar os “Martes saudables cos maiores”, unha iniciativa que terá lugar todos os primeiros martes de cada mes, en horario de 17:00 a 19:00 horas, no local da Terceira Idade de Sigüeiro (rúa do Campo). Trátase dunhas xornadas informativas coas que o Concello de Oroso pretende achegar aos maiores do municipio temas relacionados directamente co coidado da súa saúde.

O concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira, explica que “estamos moi satisfeitos coa asistencia e o aproveitamento que os nosos maiores sacaron das primeiras sesións dos Martes Saudables, pois recibiron consellos prácticos e sinxelos que lles axudan a mellorar o seu estado de saúde. Agora pretendemos que este tipo de iniciativas non sexan só puntuais, senón que se convertan nunha cita mensual para os nosos maiores como están sendo, por exemplo, os bailes dos sábados”.

A primeira sesión dos “Martes Saudables cos maiores” será un obradoiro de coidado a persoas dependentes, que terá lugar o martes 11 de marzo (xa que o primeiro martes do mes é festivo local). A segunda sesión, programada para o martes 1 de abril, abordará o tema: muller e saúde. A participación nestas actividades é totalmente gratuíta, se ben por cuestións de organización é preciso anotarse previamente nos Servizos Sociais de Oroso ou chamando ao 981 688 950.