subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manifesto día contra a vilencia de xénero.


 

orosoTodos os grupos políticos con representación no Concello de Oroso, presentamos a seguinte moción de apoio ás reivindicacións das mulleres vítimas de violencia de xénero, para o seu debate e aprobación en Pleno:

A corporación municipal esixe ás Administracións competentes:
Primeiro.- Que se dote á Administración de Xustiza dos medios humanos e económicos necesarios, para atender dun xeito rápido e eficiente todos e cada un dos casos relativos á violencia de xénero.

Segundo.- Que se garanta o cumprimento dunha atención xurídica axeitada, permanente e especializada en materia de violencia de xénero. De xeito que as persoas profesionais que presten estes servizos teñan unha formación especifica en materia de violencia contra as mulleres, como requisito para o exercicio desta atención.

Terceiro.- Que a Xunta de Galicia resolva, da forma mais áxil posible, as solicitudes de axudas económicas ás que estas mulleres teñen dereito, que se atopan paralizadas dende o mes de xuño, existindo casos nos que as necesitan urxentemente, para elas e para os seus fillos e fillas.
Que se simplifiquen ao máximo os trámites administrativos en orde a verificación do cumprimento dos requisitos econ6micos e xurídicos por parte das mulleres beneficiarias destas axudas.

Cuarto.- Que se cumpran tanto a Lei estatal coma a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, en todos os seus extremos, de tal xeito que a vítima de malos tratos e os seus fillos e fillas non sexan quen teña que abandonar o seu fogar en caso de violencia e, de ser así, en situacións de extrema necesidade, que se garantan unhas condicións de vida axeitadas, a partir do acceso aos recursos suficientes e dispoñibles en cada caso.

Quinto.- Que a Deputación da Coruña asuma, ate onde o permita a lei, un compromiso de contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, e que ese mesmo compromiso de contratación se valore como criterio puntuable para aquelas empresas que se presenten a procesos de contratación da Deputación, nomeadamente aquelas que realicen traballos relacionados coa violencia de xénero.
Todo isto nos termos establecidos na Disposición Adicional Cuarta do Real Decreto Lexislativo 2/2011 de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Publico.

Sexto.- Que nos programas de cooperación dependentes da Consellería de Traballo e Benestar reservados ás vítimas de violencia de xénero se cumpran as seguintes condicións:
a. Se considerarán sempre contratos a tempo completo, salvo expreso desexo da vítima.
b. A duración básica establecida dun ano poderá ser prorrogable para aqueles casos que se considere necesario.
c. O proceso de solicitude para estes programas estará aberto durante todo o ano.
d. Os programas presentados non contabilizarán na cota asignada a cada concello.

Sétimo.- Que o Parlamento galego convoque a Comisión non Permanente de Estudo para a Igualdade e para os dereitos das mulleres, a diferentes asociacións, entre elas, a Asociación Vela-Luz, e no prazo máximo dun ano dende a súa constituci6n, se examinen as circunstancias do alto índice de sobresementos provisionais, a aplicación do Síndrome de Alineación Parental nos Xulgados de violencia contra a muller, o funcionamento dos Puntos de Encontro Familiar en Galicia, as condicións de elaboración dos informes psicosociais, e os criterios polos que apenas se conceden ordes de afastamento.

E derradeiro.- Que se faga un seguimento dos procesos aos que se enfrontan as mulleres que participaron na folga de fame, para garantir que non sofren represalias por parte do maltratador que poidan poñer en perigo a custodia dos seus fillos e fillas.

Todo isto incardinado no labor dos servizos sociais do Concello de Oroso, facendo un seguimento tanto da situación persoal de cada muller vítima de violencia de xénero, coma das demandas do conxunto da sociedade civil organizada en torno ao conflito da violencia de xénero.