subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O deporte de Oroso di “Non á violencia de xénero”.


Os equipos do Sigüeiro FC, da SD Esteirana e de todas as categorías do Xuventude Oroso participaron na “Campaña dos lazos”, posta en marcha polo Concello de Oroso e 4 municipios de Portugal.

Ata o vindeiro 6 de decembro, os integrantes dos distintos clubs deportivos de Oroso lucirán lazos contra a violencia durante as súas actividades e competicións.

orosoOitenta rapaces das categorías inferiores do Xuventude Oroso, xogadores dos equipos do Sigüeiro FC e da SD Esteirana, e preto de cincocentos veciños e veciñas participaron este domingo na primeira actividade da “Campaña dos lazos”, unha iniciativa contra a violencia de xénero posta en marcha polo Concello de Oroso en colaboración con outros catro municipios de Portugal (Arganil, Góis, Oliveira do Hospital e Tábua). Unha actividade presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e que tivo lugar antes da entrega dos trofeos aos equipos prebenxamín, benxamín, alevín e xuvenil do Xuventude Oroso, campións das súas respectivas ligas na categoría 2012-2013.

Os capitáns dos catro equipos do Xuventude Oroso e do Sigüeiro FC deron lectura a un manifesto no que repetiron en varias ocasións o lema da campaña: “Non á violencia de xénero”. Así, os xogadores explicaron que a violencia de xénero é “un problema universal que afecta a mulleres e homes de todas partes do mundo e que aínda está lonxe de solucionarse”.

Ademais, lembraron que nos últimos 10 anos un total de 696 mulleres morreron asasinadas por 696 homes. Un total de 33 destas mulleras eran galega e máis da metade tiñan entre 21 e 40 anos. Os rapaces insistiron en que “a violencia de xénero, tanto nas vítimas coma nos maltratadores, non distingue de idades, nin de profesións, nin de nivel de estudos...” e remataron cun berro común: “non quedes fóra, usa o lazo e forma parte deste equipo”.

Apoio da Federación

Pola súa banda, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lembrou que “detrás de cada muller maltratada hai un agresor, con cara, con nome. Por iso é fundamental que os homes rexeitemos toda conduta violenta e o noso compromiso coa igualdade”. Mirás Franqueira explicou que “queremos simbolizar a nosa repulsa contra a violencia de xénero e o noso compromiso lucindo a pegatina da campaña que o Concello de Oroso e os concellos da Beira Serra en Portugal comparten. Por iso, dende hoxe e ata o 6 de decembro todas as entidades deportivas orosás xogarán para erradicar esta lacra”.

De feito, despois dos rapaces do Xuventude Oroso, os primeiros levar a pancarta da campaña foron os xogadores do Sigüeiro FC e da SD Esteirana, xusto antes do encontro de Primeira Autonómica que disputaron ambos equipos e que rematou con empate a un gol. Grazas á colaboración da Federación Galega de Fútbol, ambos equipos e o trío arbitral saíron ao campo entre aplausos e detrás da pancarta cos lemas “25N Día Internacional contra a violencia de xénero” e “25N Día Internacional para a Eliminaçao de todas as formas de Violência”.

A maiores, persoal dos Servizos Sociais de Oroso e do Centro de Información á Muller de Ordes repartiron máis de cincocentas pegatinas entre todos os asistentes ao encontro.

Campaña dos Lazos

A “Campaña dos Lazos” está organizada polo Concello de Oroso, en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Oroso, e a Associaçao de Desenvolvimento Integrado da Beira Serra (ADIBER), que implica aos municipios portugueses de Arganil, Góis, Oliveira do Hospital e Tábua. Estará en marcha ata o vindeiro 6 de Nadal en todas as competicións e adestramentos deportivos que se celebren tanto en Oroso como nos outros catro municipios lusos.

O material realizado para a “Campaña dos lazos” (pegatinas, lazos e unha pancarta) simbolizan o compromiso contra a violencia de xénero dos cinco Concellos participantes: a cor lila representa a Oroso (Galicia) e a cor branca representa aos municipios portugueses, xa que aló o lazo de repulsa á violencia é branco. Estas pegatinas serán repartidas entre todos os clubs deportivos de Oroso (tenis de mesa, taekwon-do ITF, xadrez...), entre os veciños e veciñas de Oroso e, especialmente, entre os alumnos e alumnas dos distintos centros educativos.