subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Trinta alumnos da gardería municipal de A Ulloa asisten á sesión final do programa de educación viaria organizado polo Concello de Oroso.


A concelleira de Familia entregoulles aos pequenos, de 2 e 3 anos de idade, os seus “carnés de condutores” logo de superar un circuíto no que demostraron que coñecen os sinais de tráfico.

orosoA escola infantil municipal “A Ulloa” (Sigüeiro) acolleu a sesión final do Programa de Educación Viaria, posto en marcha un ano máis polo Concello de Oroso. Unha xornada presidida pola concelleira de Familia, María del Carmen Liste, e que foi impartida pola educadora familiar do Concello de Oroso, María José Mosquera. Na actividade participaron un total de 30 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 2 e os 3 anos.

As mestras da gardería acondicionaron especialmente unha das aulas para esta sesión, realizando nela as marcas dun circuíto urbano no que instalaron diversos sinais de tráfico, cedidos polo grupo MAPFRE e feitos con materiais de reciclaxe (papel, cartón, madeira...). En primeiro lugar, Mosquera explicoulles aos pequenos o significado dos distintos sinais de tráfico instalados no circuíto: stop, semáforo, paso de peóns e rotonda.

Acto seguido, os pequenos colleron os seus coches e motos de xoguete para facer un percorrido polo circuíto, parando no sinal de Stop, respectando os pasos de peóns e agardando ao verde do semáforo para poder pasar. O que xa lles custou máis foi o de facer correctamente a rotonda, pois o máis deles atallaban xirando coma se fose un cruce.

Despois de que todos eles superaran con éxito o circuíto, os pequenos e pequenas recibiron os seus primeiros “carnés de conducir” de man de María del Carmen Liste, quen destacou “a importancia da formación a idades tempranas, pois o efecto destas iniciativas vense nas rúas cando un pai ou unha nai quere cruzar por onde non se debe e son os pequenos os que lle din que iso non está ben”. Unhas familias que colaboraron coa iniciativa traendo da casa os cochiño ou moto de xoguete do cativo/a e mesmo o correspondente casco (neste caso de ciclista, dada a idade dos pequenos), para que se vaian sensibilizando dende cativos da importancia da súa utilización.

Obxectivos

A educadora familiar do Concello de Oroso, María José Mosquera, explica que esta acción forma parte “dun programa de educación viaria ten como obxectivo proporcionar os nenos de dous a tres anos de idade as pautas básicas e os coñecementos necesarios sobre seguridade viaria adaptados a súa idade”. Un programa impartido ao longo das últimas semanas polas profesoras da gardería, mentres que a última sesión de hoxe foi impartida pola educadora familiar. “Nesta última sesión os pequenos e pequenas da gardería fixeron un circuíto para ver cales son os principais perigos do tráfico viario”, sinala María José Mosquera.

Con este programa, o Concello de Oroso pretende que os nenos e nenas adopten canto antes condutas, actitudes e hábitos relacionados no fomento da saúde, como tomar medidas de seguridade ante o tráfico, identificar zonas seguras para peóns e aprender os criterios de actuación correctos en educación viaria. Para iso, os cativos descubriron os elementos fundamentais do tráfico: rúas, beirarrúas, calzadas, vehículos, peóns… así como as diferentes formas de viaxar, prestando especial atención a saber cruzar correctamente algúns tipos de calles e como comportarse adecuadamente como pasaxeiro de vehículo privado e público.