Os veciños que participan na parcelaria de Marzoa, Os Ánxeles, Calvente e San Román de Pasarelos deberán confirmar as súas peticións de pistas a principios de outubro.
O Concello de Oroso dispón das follas de petición e informará os veciños que o soliciten.
Os veciños e veciñas con propiedades afectadas pola concentración parcelaria que se está a executar nas parroquias de Marzoa, Os Ánxeles, Calvente e San Román de Pasarelos deberán presentar a principios do mes de outubro as súas solicitudes de apertura de pistas particulares, unha vez que xa están rematadas as pistas de concentración principais. O concelleiro de Medio Rural, Xaime Carneiro, explica que “algúns dos veciños xa recolleron as follas para pedir os accesos particulares ás fincas, aqueles que aínda non o fixeron poden recollelas no Concello, onde se lles resolverá calquera dúbida que teñan”.
Xaime Carneiro apunta que “dende o Concello de Oroso pedímoslle á empresa responsable da concentración parcelaria a construción de dúas pontes sobre o río Samo e unha máis sobre o río Marozo, para comunicar mellor a zona, e tamén lle solicitamos a apertura dalgúns camiños que quedaran sen abrir”. Así as cousas, o concelleiro de Medio Rural considera que “no prazo dun ano poderiamos contar coas leiras novas e cada veciño podería coñecer cal é a súa, se non se presentan moitas alegacións ao proceso”.
Estas follas de petición de pistas seranlle entregadas á empresa responsable desta concentración parcelaria, que se reunirá cos veciños a principios do vindeiro mes de outubro. Xaime Carneiro insta aos veciños a que “calquera dúbida que teñan é o momento de consultala no Concello, aínda que tamén poden ser asesorados pola empresa cando entreguen a documentación”.
As obras de concentración parcelaria de Marzoa, Os Ánxeles, Calvente e San Román de Pasarelos están orzamentadas en 1,5 millóns de euros. Nestes momentos en Oroso hai outra parcelaria en execución e beneficia ás parroquias de Senra, Cardama e Vilarromariz. Unha parcelaria que está a supoñer un investimento de 3,6 millóns de euros. Con estas dúas actuacións quedará rematada a concentración parcelaria de todo o municipio de Oroso.