Os veciños de Oroso beneficiados pola parcelaria dos Ánxeles, Calvente e San Román de Pasarelos deberán solicitar as súas novas leiras no local social da Grabanxa.
As follas de peticións, que se poden recoller no Concello de Oroso, deberán entregarse os días 14, 15, 19, 20, 21 e 22 de outubro.
A empresa que executa a parcelaria habilitará posteriormente novas datas para acoller as peticións dos veciños de Marzoa
Os veciños e veciñas con propiedades afectadas pola concentración parcelaria que se está a executar nas parroquias dos Ánxeles, Calvente e San Román de Pasarelos (Oroso) xa dispoñen de data e lugar para a presentación das súas solicitudes de novas leiras. Responsables da empresa encargada da parcelaria recollerán as follas de petición dos propietarios no local social da Grabanxa os días 14, 15, 19, 20, 21 e 22 de outubro, en horario de 10:00 a 13:30 e de 15:30 a 18:00 horas.
O concelleiro de medio rural, Xaime Carneiro, explica que “aqueles veciños que aínda non recolleron as follas para pedir as novas leiras resultantes da parcelaria poden facelo no Concello, onde lles resolveremos calquera dúbida”. Nestas solicitudes, os propietarios deberán indicar a parcela que desexan lles sexa outorgada, así como dar outras dúas posibilidades por orde de preferencia.
Recollida especial en Marzoa
Así mesmo, Xaime Carneiro apunta que “unha vez remate a recollida de peticións na Grabanxa, fixaranse as datas para facer o propio no local social de Marzoa” xa que “decidimos facer unha segunda recollida aló debido a que o maior número de propietarios afectados pola concentración pertencen a esta parroquia, e seralles máis doado acceder ao seu propio local social que ao da Grabanxa”. Así as cousas, o concelleiro de medio rural considera que “no prazo dun ano poderiamos contar coas leiras novas e cada veciño podería coñecer cal é a súa, se non se presentan moitas alegacións ao proceso”.
Xaime Carneiro apunta que “dende o Concello de Oroso pedímoslle á empresa responsable da concentración parcelaria a construción de dúas pontes sobre o río Samo e unha máis sobre o río Marozo, para comunicar mellor a zona, e tamén lle solicitamos a apertura dalgúns camiños que quedaran sen abrir”.
As obras de concentración parcelaria de Marzoa, Os Ánxeles, Calvente e San Román de Pasarelos están orzamentadas en 1,5 millóns de euros. Nestes momentos en Oroso hai outra parcelaria en execución e beneficia ás parroquias de Senra, Cardama e Vilarromariz. Unha parcelaria que está a supoñer un investimento de 3,6 millóns de euros. Con estas dúas actuacións quedará rematada a concentración parcelaria de todo o municipio de Oroso.