subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso organiza unha xornada de fomento do cooperativismo e un espectáculo teatral gratuítos para conmemorar o 8 de marzo.


As interesadas en participar na xornada “O cooperativismo: unha fórmula de emprego válida para as mulleres” deben anotarse nos Servizos Sociais de Oroso.

O Concello de Oroso invita a todos os veciños e veciñas do municipio a participar nas dúas actividades gratuítas que ten programadas para celebrar o 8 de Marzo, Día da Muller Traballadora, e que consistirán nunha xornada de fomento do cooperativismo e nun espectáculo de clown interactivo. Dúas actividades que terán lugar no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro e que están organizadas polo Concello de Oroso, en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes.

Deste xeito, entre as 10:30 e as 12:30 horas terá lugar a xornada “O cooperativismo: unha fórmula de emprego válida para as mulleres”, que será impartida por Ana Lorenzo Vila, técnica de fomento cooperativo da Dirección Xeral de Emprego e Economía Social (Consellería de Traballo), e que estará presidida por María del Carmen Liste Raña, concelleira de Muller e Igualdade. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Oroso ou no 981 688 950.

Durante esas dúas horas, as asistentes coñecerán como as cooperativas son unha forma de asociacionismo que aguanta moi ben en tempos de crise e que, ao contrario do que moitos pensan, non só se pode aplicar ao mundo agrario e gandeiro senón que hai moitas modalidades e moitas liñas de axuda moi interesantes, especialmente para mulleres. Tal é así, que as cooperativas son as únicas fórmulas empresariais que están a crear emprego neste contexto de crise. As asistentes aprenderán que son e como funcionan as cooperativas, que tipos de cooperativas existen, como crealas e os apoios que existen.

A comarca de Ordes conta na actualidade cun total de 35 cooperativas postas en marcha, a maioría do sector agrogandeiro, das que 3 se atopan en Oroso. Os municipios con maior presenza destas fórmula empresarial son Frades (8) e Ordes (7), seguidos por Tordoia e Trazo, ambos con 5 cooperativas. Cerceda e Mesía contan con 4 cooperativas cada unha.

Clown interactivo

Xa pola tarde, ás 19:30 horas, a compañía Duende Sico representará “Non sabes quen es”, un espectáculo de clown interactivo de 45 minutos de duración dirixido especialmente a un público de nenos e adolescentes. Unha obra na que un clown e unha narradora moi orixinal, utilizan o humor e a sorpresa para interactuar co público e promover os valores da igualdade. A entrada é totalmente libre e de balde.

O acto rematará coa entrega dos premios da terceira edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, un certame sobre situacións que reflictan o traballo das mulleres, en calquera eido. O Concello de Oroso entregará tres premios: 250 euros para a fotografía gañadora, así como 150 e 100 euros para o segundo e o terceiro clasificados.