subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Grande aceptación veciñal en Oroso no reparto de 4.000 bolsas da compra co lema “Contra a Violencia de Xénero: abre os ollos”.


A concelleira de muller e igualdade agradece a desinteresada colaboración dos comerciantes orosáns.

orosoUn total de oitenta establecementos comerciais de Oroso participaron esta mañá na segunda e última xornada de reparto de 4.000 bolsas da compra de tea malva co lema “Contra a violencia de xénero: abre os ollos”. Unha campaña que tivo unha grande aceptación entre os milleiros de veciños e veciñas de Oroso que acudiron hoxe sábado e onte venres a facer as súas compras.

A concelleira de muller e igualdade, María del Carmen Liste, sinala que “a aceptación foi tal que mesmo algún comercio quedou sen bolsas na noite do venres e esta mañá practicamente xa quedaron repartidas as 4.000 bolsas entre os veciños e veciñas coas que creo que conseguimos o noso obxectivo: que a xente reflexionara, aínda que só fose por un momento, sobre unha lacra que podemos erradicar entre todos e todas como é a violencia de xénero”.

Unha reflexión que María del Carmen Liste exemplifica cunha anécdota xurdida entre un grupo de rapaces: “entregámoslles tamén uns lazos malva contra a violencia de xénero e todos eles os colleron pero, uns metros máis adiante, un deles dixo que el non poñía iso porque só era para as mulleres. Entón todos os seus compañeiros preguntáronlle se era parvo ou que, que o da violencia contra as mulleres é algo no que todos estamos implicados. Actitudes como esta son as que xustifican este tipo de campañas”.

Colaboración dos comerciantes

A concelleira de muller e igualdade tamén agradece especialmente “a colaboración desinteresada dos comerciantes orosáns, que non só participaron no reparto das bolsas e na divulgación da campaña, senón que tamén recolleron sinaturas entre a súa clientela contra a violencia de xénero”. Durante este venres e o sábado, un total de 80 establecementos comerciais de Oroso cambiaron as súas bolsas habituais polas bolsas contra a violencia de xénero.

A única excepción eran as grandes compras feitas nas grandes superficies, que entregaban as súas grandes bolsas para grandes compras e a bolsa contra a violencia de xénero para pedidos pequenos. Esta iniciativa foi organizada e coordinada polo Concello de Oroso, en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes, e foi financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.