subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oitenta establecementos comerciais de Oroso participarán no reparto de 4.000 bolsas da compra contra a Violencia de Xénero.


O Concello de Oroso iniciará este luns o reparto dos carteis informativos e das bolsas entre os comercios, que entregarán as bolsas á súa clientela os días 23 e 24 de novembro.

orosoUn total de oitenta establecementos comerciais de Oroso participarán os vindeiros 23 e 24 de novembro no reparto de 4.000 bolsas da compra contra a violencia de xénero. Unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso, en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Municipios de Ordes, e que está financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

O Concello de Oroso iniciará o vindeiro luns o reparto entre os comercios orosáns desas 4.000 bolsas de tea ecolóxica, co lema “Contra a violencia de xénero: Abre os ollos”, así como dos correspondentes carteis informativos sobre a campaña, co mesmo lema e nos que se recollen todos os establecementos e entidades colaboradoras. Estas bolsas da compra reutilizables serán repartidas entre os compradores e compradoras que acudan a Oroso durante o venres 23 e o sábado 24 de novembro por eses oitenta establecementos adheridos á campaña, en troques da bolsa habitual de cada establecemento.

Colaboración

A concelleira de muller e igualdade, María del Carmen Liste, agradece a colaboración amosada polos distintos establecementos comerciais de Oroso pois “ademais dos obradoiros de formación en igualdade que fixemos cos nosos cativos e cativas, tamén é preciso que todos os veciños e veciñas abramos os ollos á problemática da desigualdade social e da violencia de xénero porque só coa colaboración activa de todos e todas nós poderemos acadar unha verdadeira igualdade”.

A campaña “Contra a violencia de xénero: Abre os ollos” conta tamén co apoio de grandes superficies como Día, que participa na recollida de sinaturas en contra da violencia de xénero, ou o grupo Eroski, que ademais de sinaturas tamén participará no reparto de bolsas entre a súa clientela. Así mesmo, tamén conta co apoio da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sigüeiro (ACES).

Finalmente, todas aquelas persoas que desexen amosar o seu rexeitamento á violencia de xénero poden asinar un manifesto contra a violencia de xénero elaborado polo Concello de Oroso. Un manifesto que pode asinarse presencialmente, nas distintas dependencias do Concello de Oroso e nalgúns establecementos comerciais do municipio, ou ben a través da web municipal.