O Concello de Oroso organiza dous obradoiros de autoestima e para aprender a falar en público dirixidos a mulleres.
Os cursos terán lugar os días 3 e 9 de novembro e o prazo de inscrición ábrese hoxe no Departamento de Servizos Sociais orosán.
O Concello de Oroso e a Secretaría Xeral para a Igualdade da Xunta de Galicia organizan dous obradoiros gratuítos dirixidos exclusivamente á poboación feminina do municipio, de autoestima e de habilidades sociais, que terán lugar en Sigüeiro o 3 e o 9 de novembro, respectivamente. Uns obradoiros para os que o Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición no Departamento de Servizos Sociais, situado na rúa do Deporte nº 9, ou a través do teléfono 981 688 950.
O cursos, de catro horas de duración cada un, terán lugar no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Así, o martes 3 de novembro terá lugar o obradoiro de desenvolvemento persoal, no que a monitora buscará que as mulleres participantes sexan quen de descubrir as súas fortalezas e aspectos positivos, así como recoñecer as propias limitacións. Deste xeito, as participantes profundarán no coñecemento das súas personalidades e fomentarase a súa autoestima.
No obradoiro de habilidades sociais, que terá lugar o luns 9 de novembro, a formadora ensinaralles ás veciñas de Oroso as técnicas para falar en público tanto nas relacións cotiás como nas sociais ou profesionais. Mediante dinámicas e técnicas de comunicación, as alumnas aprenderán a superar as dificultades que se lles presentan á hora de falar diante dun grupo, fomentando a autoestima do propio orador.
Estes dous obradoiros están organizados polo Servizo Galego da Igualdade, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Oroso. Ademais, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e o Instituto da Muller, entidade dependente do Ministerio de Igualdade.