O Concello de Oroso apoia a demanda veciñal dunha mellora no acceso a internet en todas as parroquias do municipio.
Telefónica España non lles dá solución ás peticións realizadas por distintas asociacións de veciños do municipio para que instale un novo punto de acceso.
A falta de acceso a Internet aféctalle á actividade de cooperativas, empresas e mesmo á farmacia, que non podería implantar o servizo de receita electrónica.
O Concello de Oroso apoia as demandas dos veciños e veciñas dunha mellora no acceso a Internet en todas as parroquias do municipio. “Os veciños xa fixeron reclamacións en todas partes: a Telefónica España, á Secretaría de Estado da Comunicación, á Xunta, mesmo ao Valedor do Pobo... pero non lles deron ningunha solución”, explica o concelleiro de medio rural, Xaime Carneiro, quen puntualiza que “para darlles servizo aos nosos veciños precisamos dun novo punto de acceso instalado en Oroso, xa que o máis próximo está en Frades”. Así mesmo, apunta que “se ninguén toma cartas no asunto, dende o Concello de Oroso teremos que buscar algún tipo de solución para implantar a tecnoloxía wimax ou similar para permitir o acceso dos veciños á Internet”.
As distintas asociacións de veciños do municipio xa enviaron cartas de protesta á Xunta de Galicia, ao Valedor do Pobo e, por indicación deste último, a Telefónica España e á Secretaría de Estado de Comunicación. “Telefónica España respondeu que as demandas as debe facer cada particular no 1004 e que para eles temos cobertura”, apunta Carneiro Uzal, “pero esa cobertura impídeche visualizar calquera páxina web, co cal non tes un acceso real a Internet”.
Ademais das demandas dos particulares, o concelleiro de medio rural chama a atención sobre os prexuízos que a ausencia deste servizo está a causar no empresariado do municipio. “Hai cooperativas, talleres de carpintería, empresas de mobles, madeireiras... e mesmo escolas unitarias que non teñen acceso a eses servizos para o desenvolvemento da súa actividade económica”, explica Xaime Carneiro, quen mesmo adianta que “cando se implante a receita electrónica, na farmacia do Cachopal imos ter problemas porque, ao non poder conectarse á rede, non poderá acceder á base de datos correspondente”.