subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso e a Deputación da Coruña organizan unha charla coloquio sobre estilos educativos dirixido aos pais e nais do municipio.


Terá lugar o xoves 28 de xuño, ás 10:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro.

O centro cultural de Sigüeiro acollerá este xoves 28 de xuño, ás 10 da mañá, unha charla-coloquio sobre estilos educativos denominada “Medrando xuntos”. Un coloquio aberto a todos os pais e nais do municipio na que a psicóloga do Proxecto Familia de Oroso, Montserrat Lata, pretende lograr “un achegamento aos diferentes estilos educativos que temos para educar aos nosos fillos e fillas. A charla vai dirixida a todos os pais e nais que desexen reflexionar, aprender e intercambiar experiencias ao respecto dos problemas cotiás dos seus fillos/as”.

Como aumentar a paciencia cos fillos, como facer que cumplan as normas, como facer que coman ou fagan os deberes... son algúns dos temas que se tratarán nesta charla coloquio na que “partimos da idea de que a educación é algo que fan os pais e nais conxuntamente cos seus fillos e fillas. Polo tanto chegamos a conclusión de que debemos medrar xuntos para educar da forma máis axeitada”, apunta Montserrat Lata.

Esta charla-coloquio é de acceso totalmente libre e de balde. Está organizada polo Concello de Oroso e a Deputación da Coruña, e conta coa colaboración da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Esta iniciativa complementa á charla-coloquio celebrada a semana pasada sobre “Como educar as nosas fillas e fillos en igualdade”, impartida pola axente de igualdade do Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes, Marta Souto.