subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso, a Mancomunidade de Ordes e as Asociacións de Pais do colexio e do instituto organizan unha charla de educación en igualdade.


Terá lugar este mércores 20 de xuño, ás 20:30 horas, no salón de actos do CEIP de Sigüeiro.

orosoO salón de actos do CEIP de Sigüeiro acollerá este mércores 20 de xuño, ás 20:30 horas, unha charla-coloquio titulada “Como educar as nosas fillas e fillos en igualdade”. Unha charla aberta a todos os veciños e veciñas do municipio na que a axente de igualdade do Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes, Marta Souto, lles explicará “como a día de hoxe seguimos educando os nosos fillos e fillas de xeito diferente e como iso os condiciona na súa vida futura, non só en cuestións extremas como a violencia de xénero senón noutros aspectos da vida como o acceso aos estudios, a un traballo, as responsabilidades no fogar...”.

Unha charla de acceso libre e gratuito que está organizada polo Concello de Oroso, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e as dúas asociacións de pais do municipio: a ANPA “A nosa escola” (do CEIP de Sigüeiro) e a ANPA A Tosca” (do IES Oroso). Esta charla dá continuidade aos obradoiros celebrados durante o curso escolar cos rapaces de 2º ciclo de primaria no colexio de Sigüeiro e de 1º a 4º de secundaria no instituto de Oroso. Neste sentido, Marta Souto adianta que “é moi importante traballar cos nenos cando son moi cativos, pois os resultados obtidos no colexio e no instituto son moi distintos e a certas idades xa é moi complicado ensinarlles este tipo de conceptos, pois pensan que o teñen todo aprendido”.

Esta iniciativa complementa un par de charlas-coloquio ofrecidas tamén polo Concello de Oroso e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes sobre violencia de xénero, que se celebraron a mediados do pasado mes de abril en colaboración coa Asociación de Veciños de Penateixa. Unha iniciativa que tamén incluira un módulo sobre “igualdade entre homes e mulleres”