subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O cercedense Ricardo Orxeira Lista gaña o segundo concurso de fotografía “Muller Traballadora” do Concello de Oroso.


A axente de emprego de Oroso alertou de que “en Galicia o soldo medio das mullleres é un 30% menor ca o dos homes e nalgúns casos pode chegar a ser un 50% menos”.

orosoO cercedense Ricardo Orxeira Lista proclamouse gañador da segunda edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, ao que este ano se presentaron un total de quince persoas. Un premio de 250 euros que recolleu de mans do alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, durante a celebración dun acto conmemorativo do Día Internacional da Muller Traballadora no centro cultural de Sigüeiro..

A fotografía de Ricardo Orxeira, chamada “261”, amosa un primeiro plano en branco e negro das mans dunha muller limpando unha mazorca de millo. O segundo premio, de 150 euros, foi para o mozo orosán Jesús Estalote Mariño, coa obra “Non todo é ensanche”, que recolle a unha muller maior na praza de abastos de Santiago de Compostela. Completou o pódium Ofelia de Bartolomé Battista, veciña de Oroso, coa súa obra “Paisaje”, pola que levou outros 100 euros.
Ver as fotografías gañadoras

A concelleira da Muller, María del Carmen Liste Raña, destacou o feito de que “nun concurso sobre a muller traballadora sexan dous homes os que gañen, pois acadar unha igualdade real pasa non só polo traballo das mulleres, senón tamén por contar co apoio dos homes”. Ademais, salientou que “este ano contamos con varios participantes do instituto de Oroso, o cal é bo porque canto máis novos interiorizen que todos somos iguais, mellor nos irá a todos”.

A muller cobra un 30% menos

A entrega dos premios deste certame de fotografía tivo lugar ao remate dun acto conmemorativo do Día Internacional da Muller Traballadora, ao que asistiron medio cento de veciños e veciñas de Oroso. Un acto no que se presentou un “boletín con información especialmente útil para as mulleres de Oroso, que se centra nos recursos que están á súa disposición, sobre todo en materia laboral, e que pretendemos publicar de xeito periódico”.

No turno de ponencias, a axente de emprego e desenvolvemento local de Oroso, Rosa María Ramírez Campos, explicou que “nos medios de comunicación están a dicir estes días que as mulleres cobran un 20% menos ca os homes polos mesmos traballos. En Galicia o soldo medio das mulleres é un 30% menor ca o dos homes e nalgúns casos pode chegar ao 50% menos”. Así, o soldo medio anual dunha muller en Galicia é de 15.704 euros, fronte aos 20.408 euros dun home. No caso de maiores de 65, a muller cobra uns 11.924 euros fronte aos 22.639 euros dun home. Ademais, Rosa María Ramírez explicou que “o 75% das mulleres traballadoras adoitan ter problemas laborais polo feito de ter fillos”.

Ramírez Campos aproveitou a súa intervención para falar dos distintos programas e servizos que ofrece o Concello de Oroso, así como “as políticas activas de emprego para mellorar a empregabilidade das veciñas e incrementar a súa formación, ao tempo que lles ofrecemos un servizo de orientación laboral e in termediación, sobre todo nos casos do desemprego xuvenil e nas paradas de longa duración”.

Consultas no CIM

Finalmente, a directora do Centro de Información á Muller, Nazaret González Martínez, expuxo as consultas máis frecuentes realizadas polas mulleres en materia laboral e de igualdade de oportunidades. “Son servizos totalmente gratuitos e nos que se garantiza total confidencialidade e o anonimato da muller, pois o que buscamos é que a xente se informe e reclame os seus dereitos para achegarnos cada día un pouco máis a esa desexada igualdade entre homes e mulleres”, explicou Nazaret González.

Entre as consultas máis demandadas polas usuarias do CIM de Ordes figuran información sobre permisos de maternidade, excedencia para o coidado de fillos e reducción de xornada. Nos últimos tempos tamén son moi comúns consultas relacionadas coa modificación das condicións de traballo (mobilidade funcional e xeográfica), cos distintos tipos de contratación e sobre o despido (tipos, importes e posibilidades de reclamación). Por último, tamén hai un alto número de consultas sobre enfermidades laborais ás que as mulleres son máis propensas (cefaleas, fibromialxa ou doenzas musculoesqueléticas) e de inmigrantes interesados en coñecer como homologar os seus estudos.