subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O centro cultural de Sigüeiro acolle este venres a presentación do curso de horta ecolóxica, no que aínda é posible anotarse.


Juan Gaiteiro, da Asocación Cultural Mourisca, explicará aos asistentes os obxectivos desta iniciativa.

O auditorio do centro cultural de Sigüeiro acollerá este venres 9 de marzo, ás 20:30 horas, unha presentación dos obxectivos do obradoiro de Horta Ecolóxica, que organiza a Asociación Cultural Mourisca en colaboración co Concello de Oroso. A asistencia é totalmente libre e de balde.

A charla será impartida por Juan Gaiteiro, director do curso, que explicará as materias e as prácticas previstas durante os sábados dos vindeiros doce meses. “Queremos facer un curso moi completo, con moitas horas prácticas. Teremos unha parcela onde cada alumno disporá dun espazo para facer prácticas con vinte especies de cultivo, para que coñezan as prantas e os sistemas de prantación e de coidado das mesmas, e tamén ensinaremos a cultivar grandes superficies con trigo, centeo, pataca ou millo”.

O curso de Horta Ecolóxica está dirixido a maiores de 16 anos, que aínda poden inscribirse no centro cultural de Sigüeiro ou no 981 69 09 03. O prezo da matrícula é de 15 euros, con doce mensualidades de 30 euros, para os veciños e veciñas empadroados en Oroso.