subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Sigüeiro acolle este xoves un acto sobre a situación laboral da muller e a presentación dun boletín informativo sobre a muller.


O Concello de Oroso entregará os premios do segundo concurso de fotografía “Muller traballadora”, na que participaron 15 veciñas.

orosoO Concello de Oroso conmemorará este xoves 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, cunha serie de actividades: unha charla informativa, a presentación dun boletín informativo local sobre a muller e a entrega dos premios do concurso de fotografía “Muller Traballadora”. O centro cultural de Sigüeiro acollerá, a partir das 19:30 horas, estas dúas iniciativas, organizadas polo Concello de Oroso e que contan coa colaboración do Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes. A entrada en ambos casos é libre e de balde.

A concelleira da Muller, María del Carmen Liste Raña, será a encargada de presentar e moderar esta xornada, “na que presentaremos un boletín con información especialmente útil para as mulleres de Oroso, centrándonos nos recursos que están á súa disposición, sobre todo en materia laboral. Un boletín que pretendemos publicar dun xeito periódico”. Un boletín cuxo primeiro número será entregado mañá xoves e que servirá de complemento ás charlas que se ofrecerán no centro cultural de Sigüeiro.

Así, a axente de emprego e desenvolvemento local de Oroso, Rosa María Ramírez Campos, falará sobre a situación laboral da muller en Galicia e sobre as desigualdades salariais entre homes e mulleres. De feito, os últimos datos indican que en España as mulleres cobran un 22% menos que os homes polo mesmo traballo. Acto seguido, a directora do Centro de Información á Muller, Nazaret González Martínez, fará unha presentación dos servizos que ofrece esta entidade da Mancomunidade de Ordes para garantir a igualdade de oportunidades.

Concurso de fotografía

Unha vez rematadas ambas ponencias, María del Carmen Liste fará entrega dos premios da segunda edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, á que este ano se presentaron un total de quince veciñas. Uns traballos fotográficos que reflicten o traballo das mulleres, en calqueira eido e que poderán contemplarse no auditorio do centro cultural de Sigüeiro. O Concello de Oroso entregará tres premios: 250 euros para a fotografía gañadora, así como 150 e 100 euros para o segundo e o terceiro clasificados.

Na primeira edición, o premio recaeu en Ana Vanessa Gende Fieira, veciña de Santa Cruz de Montaos (Ordes), coa obra “Oito décadas de traballo”. O segundo posto foi para Marcos Fernández Blanco, de Santiago de Compostela, coa obra “Control diario”. E o terceiro posto foi para María Nova Rodríguez, de Oroso, con “Y al llegar a casa sigues trabajando”.