subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre o prazo para solicitar as autorizacións para as cacharelas de San Xoán.


 

O Concello de Oroso abre o prazo para solicitar a autorización para a realización das cacharelas de San Xoán. Un prazo que estará aberto ata o vindeiro 22 de xuño. A solicitude pode recollerse nas oficinas xerais do Concello, ou ben descargarse da páxina web no apartado E-Oroso-Trámites. Nesa solicitude, deberán identificar o lugar elixido para a cacharela, así como achegar nome, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI dos responsables da asociación ou entidade que pide o permiso.

O Concello de Oroso establece unhas normas de seguridade que os solicitantes deberán coñecer e cumprir para que a noite de San Xoán teña lugar sen incidentes. Entre outras recomendacións, o Concello de Oroso lembra que o volume da fogueira non poderá exceder dos 8 metros de perímetro e os 3 de altura, así como que a separación mínima entre o lume e as vivendas ou árbores lindeiras debe ser de 12 metros, como mínimo.

Así mesmo, queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, aceites e, en xeral, calquera substancia que ao arder poida desprender fume tóxico. Tamén estará prohibido botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou sprays, aínda que estean baleiros. No caso de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público lousado, os organizadores deberán protexer previamente o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

Ademais, os organizadores porán especial coidado de non situar as cacharelas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. Ao finalizar a cacharela, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e deberán deixar limpo o lugar ao día seguinte.