subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso pon en marcha unha escola de agricultura ecolóxica en Marzoa.


Durará catro meses e conta coa participación de 16 alumnos e alumnas de Oroso, Santiago e Teo.

As clases teñen lugar os sábados nuns terreos cedidos polo Concello de Oroso nos que os alumnos están a crear unha horta na que fan as prácticas.

orosoO Concello de Oroso vén de poñer en marcha a primeira edición da Escola de Agricultura e Fruticultura Ecolóxica, que se desenvolverá ata o vindeiro mes de outubro no local social da parroquia de Marzoa. Unha iniciativa cofinanciada entre o Concello de Oroso e a Fundación Eomaia que ten lugar todos os sábados, de 10:00 a 14:00 horas, e na que participan un total de 16 alumnos e alumnas, a gran maioría orosáns pero onde tamén participan dous veciños de Santiago e un de Teo.

O concelleiro de medio rural e medio ambiente, Xaime Carneiro, explica que esta escola supón “apostar por outro tipo de agricultura, para producir alimentos sans e sen usar tantos pesticidas e elementos químicos. Queremos que Oroso sexa un exemplo en canto a respecto ao medio ambiente”. Por iso, o Concello de Oroso cedeu unha parcela diante do local social de Marzoa para a realización das prácticas e puxo á disposición dos alumnos as ferramentas necesarias para o desenvolvemento do curso.

Desenvolvemento das clases

As clases, de catro horas de duración, teñen unha metodoloxía eminentemente práctica. Así, tras unha hora de teórica, os alumnos saen á horta a poñer en práctica os coñecementos adquiridos da man dos seus tres monitores: María José Sánchez-Biezma, Juan Gaiteiro e Valeriano Fernández García. Así, nesta primeira sesión os alumnos falaron sobre a importancia de ter un solo en boas condicións e sobre o deseño da horta.

María José Sánchez-Biezma explica que “o máis importante é optimizar o terreo e, sobre todo, a súa orientación respecto ao sol, tendo en conta as sombras que poidan proxectar os edificios próximos sobre a nosa horta”. Unha vez escollido o lugar axeitado, os alumnos comezaron coa plantación de cebolas, porros, leitugas e fabas. Nos próximos días procederán a plantar millo, cabaza, pementos e tomates.

Sánchez-Biezma Serrano apunta que este tipo de agricultura “dá o mesmo traballo que a que se fai agora, non é facer todo a man, senón que é volver retomar todos os conceptos de cultivo que había antes utilizando os recursos que temos agora”. Así, explica que “antes se utilizaban fertilizantes orgánicos e non tanta química, polo que a agricultura ecolóxica non supón máis esforzo, pois temos máis recursos técnicos e tecnolóxicos que se poden utilizar”.

Neste sentido, Juan Gaiteiro sinala que na Escola de Agricultura e Fruticultura Ecolóxica de Oroso “só imos lembrar o que facían os nosos avós e pais. Falar de agricultura ecolóxica non é falar de nada novo, xa está todo inventado”. Este técnico ambiental fai fincapé en que este tipo de agricultura rexeita o uso de funguicidas, pesticidas e insecticidas. “Hai que curar a terra, que vén a ser como o intestino das plantas que, ao estar débiles, son pasto dos vermes. Se as plantas son fortes, aguantan. Por iso o primeiro é sandar o chan deixando de botar química e botándolle fertilizante orgánico”.

Temario do curso

Nesta primeira sesión, os alumnos elixiron unha parcela para situar a horta e comezaron a instalar nela un sistema de rego. “Despois trataremos sobre pragas e enfermidades, aprendendo a elaborar preparados naturais para poder combatelas”, explica María José Sánchez-Biezma, “e ao final falaremos tamén de como facer conservas e de bioconstrución”.

As clases terán lugar durante os meses de maio, xuño, setembro e outubro, aínda que a idea é que a partir do próximo ano as clases poidan ser anuais. Unhas clases nas que aínda é posible anotarse ao longo desta semana, contactando co Concello de Oroso.