subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso homenaxea a María del Carmen Rodríguez Casal e a Carmen Vilares Míguez en conmemoración do Día da Muller Traballadora.


A homenaxe terá lugar este mércores, ás 20:30 horas, no centro cultural de Sigüeiro coincidindo coa inauguración da exposición coas obras presentadas ao I Concurso de Fotografía “Muller traballadora”.

O Concello de Oroso fará este mércores, 9 de marzo, unha homenaxe a María del Carmen Rodríguez Casal, primeira muller concelleira no municipio, e a Carmen Vilares Míguez, barbeira xubilada de Oroso, dentro dos actos de conmemoración do Día da Muller Traballadora. Unha homenaxe que coincidirá coa entrega de premios e inauguración da exposición coas 33 obras presentadas ao I Concurso de Fotografía “Muller Traballadora”, que terá lugar ás 20:30 horas no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.

O acto estará presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen homenaxeará á primeira muller concelleira no municipio e a unha das mulleres traballadoras máis coñecidas de Sigüeiro, onde traballou na barbería familiar durante os últimos cincuenta anos. Un acto que será aberto ao público.

Datos das homenaxeadas

María del Carmen Rodríguez Casal naceu en Coristanco e estudou Maxisterio en Santiago de Compostela, cidade na que reside actualmente. Exerceu como mestra en Cabrui (Mesía), Carballo, Igrexa (Oroso) e Santiago (Lamas de Abade, gardería Santa Susana e Pío XII, onde se xubilou no 2004). Ela foi a primeira concelleira de Oroso nas primeiras eleccións democráticas, ás que se presentou baixo as siglas de Alianza Popular.

Pola súa banda, Carmen Vilares Míguez naceu en Oroso, onde aprendeu do seu pai o oficio de barbeira. Comezou a traballar como barbeira aos 13-14 anos en Sigüeiro, vila na que traballou sempre co seu pai e os seus irmáns. Xubilouse o ano pasado aos 65 anos.