Rapaces e rapazas de Oroso elaboran murais e esculturas contra a violencia de xénero.
As obras serán expostas no centro cultural de Sigüeiro o 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero.
Rapaces e rapazas de 4º de primaria do CEIP de Sigüeiro e de 1º da ESO do IES Oroso participan esta semana en cadanseus obradoiros de igualdade e contra a violencia de xénero promovidos polo Concello de Oroso. Unhas iniciativas que pretenden facer reflexionar aos máis novos sobre a problemática da violencia de xénero e expresar os seus sentimentos a través da comunicación creativa, dando lugar a esculturas e murais que serán expostos no centro cultural de Sigüeiro o vindeiro 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero.
Así, os nenos e nenas de 4º de primaria do CEIP de Sigüeiro elaboraron esta mañá unha serie de esculturas con cola branca e materiais de reciclaxe (papeis, xornais, plásticos, etc). Así mesmo, realizaron laciños conmemorativos do 25 de novembro que se porán á disposición do público que visite a exposición destas obras no centro cultural Fernando Casas e Novoa. Antes de elaborar as figuras, técnicos especialistas en igualdade e os seus propios mestres debateron con eles sobre a violencia de xénero, dando tamén lectura a un texto xornalístico sobre o tema para valorar o nivel de concienciación dos cativos.
Próxima cita, o mércores
O vindeiro mércores 17 de novembro será a quenda dos alumnos de 1º da ESO do IES Oroso que, despois dun debate guiado sobre a violencia de xénero, elaborarán un mural conmemorativo do 25 de novembro, utilizando para iso papel continuo, cores, cola e materiais de reciclaxe. Ademais, dous subgrupos elaborarán cadansúas “casiñas metafóricas” que simbolicen unha casa na que se sofre violencia de xénero e outra na que non existen malos tratos contra a muller.
A concelleira de asuntos sociais, Maricarmen Liste, sinala que “coa realización destes obradoiros, dende o Concello de Oroso pretendemos que os rapaces reflexionen sobre a problemática da violencia de xénero, ao tempo que incidimos sobre aspectos como a sensibilización ou a educación para a igualdade dun xeito creativo e lúdico”. Deste xeito, o Concello de Oroso dálle continuidade á campaña de concienciación nos centros escolares iniciada o ano pasado e que deu lugar á elaboración dun “Manual de boas prácticas contra a violencia de xénero”.