subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición nunha escola de agricultura ecolóxica, que comezará a traballar en xaneiro.


Os veciños decidirán o horario e poderán anotarse no Concello ou a través da web municipal antes de finais de decembro.
Os técnicos presentáronlles aos veciños un novo sistema de compostaxe, denominado Bokashi, que utiliza microorganismos efectivos para acelerar a elaboración do compost.

orosoO Concello de Oroso abre este luns o prazo de inscrición na Escola de Agricultura e Fruticultura Ecolóxica que porá en marcha o vindeiro mes de xaneiro. Así o anunciou o concelleiro de medio rural e medio ambiente, Xaime Carneiro, despois do coloquio que tivo lugar na noite do pasado 5 de novembro no centro cultural de Sigüeiro, no que participaron unha trintena de persoas de Oroso e Ordes interesadas en tomar parte na iniciativa.

Unha escola que tería lugar entre os meses de xaneiro e decembro de 2011, a razón dunha clase semanal de catro horas de duración (2 horas teóricas e outras 2 prácticas). Uns horarios que serán fixados de acordo cos intereses dos alumnos, que indicarán as súas preferencias no momento de anotarse. Unhas inscricións que poderán facerse dende o vindeiro luns 8 de novembro no Concello de Oroso ou ben a través da páxina web.

O Concello de Oroso cederá unha aula para as clases teóricas, así como unha parcela para a realización das prácticas precisas. Así mesmo, porá á disposición dos alumnos as ferramentas necesarias para o desenvolvemento do curso.

Charla polas parroquias

Xaime Carneiro asegura que “se trata de apostar por outra agricultura, para producir alimentos sans sen usar tantos pesticidas e elementos químicos”. Ademais, anuncia que “como queremos que Oroso sexa un exemplo en canto a respecto ao medio ambiente, imos repetir ao longo dos vindeiros días este mesmo coloquio nos locais sociais das parroquias, para achegar esta iniciativa de Oro-Natura ao maior número de veciños posible”.

E é que se a charla inicial sobre agricultura ecolóxica, impartida pola profesora María Diezma e polo técnico ambiental Juan Gaiteiro, durou uns vinte minutos, o coloquio que se estableceu posteriormente cos veciños durou case hora e media. Un tempo no que os veciños se interesaron por múltiples temas, dende os métodos de compostaxe ata como combater as pragas.

A primeira en tomar a palabra foi a profesora María Diezma, quen explicou que os obxectivos básicos desta escola serán “ampliar os coñecementos e a práctica dos alumnos en agricultura e fruticultura ecolóxicas, ensinar ás persoas do medio urbano a facer hortos ecolóxicos, ofrecerlles aos mozos en paro uns coñecementos básicos para fomentar o autoemprego e ensinar prácticas de compostaxe coa axuda de microorganismos efectivos”.

Neste sentido, Diezma explicou que as clases terán lugar ao longo de dez meses entre xaneiro e decembro de 2011 (cun parón nos meses de xullo e agosto). Unhas clases eminentemente prácticas que incluirán tamén a realización dunha serie de obradoiros complementarios sobre bioconstrución (para aprender a facer alpendres onde gardar as ferramentas), sobre plantas que sandan a horta, realización de conservas vexetais ecolóxicas, cogomelos ou galiñas na horta (e os beneficios que achegan como controladoras de pragas e fonte de fertilizante).

Facer o que facían os nosos avós

Pola súa banda, Juan Gaiteiro sinalou que na Escola de Agricultura e Fruticultura Ecolóxica de Oroso “só vos imos lembrar o que facían os vosos avós e pais. Falar de agricultura ecolóxica non é falar de nada novo, xa está todo inventado”. Este técnico ambiental fixo fincapé en que este tipo de agricultura rexeita o uso de funguicidas, pesticidas e insecticidas. “Hai que curar a terra, que vén a ser como o intestino das plantas que, ao estar débiles, son pasto dos vermes. Se as plantas son fortes, aguantan. Por iso o primeiro é sandar o chan deixando de botar química e botándolle fertilizante orgánico”.

Iso si, advertiu que “mudar isto non é cousa dun día. Nós falamos dun período de entre 2 e 4 anos, pero o resultado é excepcional”. De feito, asegurou que “agora hai moito desemprego pero, malia iso, hai unha demanda de produtos de calidade en zonas como Santiago, A Coruña ou Ferrol. Produtos que se poden conseguir con este tipo de agricultura, que non son máis caros de producir que como se están facendo agora”.

Compostaxe con Bokashi

Así mesmo, Juan Gaiteiro presentoulles tamén aos veciños e veciñas de Oroso un sistema de compostaxe por Bokashi que espertou moito interese entre os asistentes, moitos deles participantes nun programa de compostaxe doméstica posto en marcha por ADEGA en colaboración co Concello de Oroso. Gaiteiro explicou que “a diferenza entre os dous sistemas é que nun o compost fórmase por putrefacción e no noso sistema faise por fermentación, polo que non xera mosquitos, nin malos cheiros”.

Este técnico ambiental explicou que coa utilización destes microorganismos efectivos se recupera “o que facían os nosos avós, que para fertilizar non só utilizaban o esterco dos animais, senón tamén os xurros procedentes dos mexos das vacas ou do excedente de leite”. “O que fan os microorganismos do Bokashi é fermentar os restos orgánicos das casas, poder soterralos despois dun mes e poder plantar enriba deles”, explicou Gaiteiro.

Ademais de sobre a compostaxe, os veciños e veciñas de Oroso interesáronse por aspectos como o rego, a profundidade do arado ou como loitar contra as pragas. En todos os casos, apostouse por unha solución natural como, por exemplo, soterrar un vaso de cervexa a carón das plantas para acabar cos vermes.