Os veciños de Oroso deciden mañá venres se acometen ou non unha escola que potencie a agricultura ecolóxica no municipio.
O centro cultural de Sigüeiro acollerá ás 20:30 horas unha xornada sobre agricultura ecolóxica na que os veciños poderán apuntarse nesta iniciativa.
O centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acolle este venres 5 de novembro, ás 20:30 horas, unha xuntanza para decidir a creación ou non dunha escola de agricultura ecolóxica en Oroso. Unha iniciativa que parte da asociación da natureza de Oroso, “Oro-natura”, e que conta con todo o apoio do Concello orosán.
O concelleiro de medio rural e medio ambiente, Xaime Carneiro, adianta que “a reunión é aberta a todos os veciños e veciñas de Oroso. Tres especialistas informaranlles sobre as vantaxes da agricultura ecolóxica e proporanlles a creación dunha escola de agricultura ecolóxica en Oroso, que dependerá do seu interese”. De feito, o Concello de Oroso apunta que serán precisas, cando menos, vinte persoas para que se poida desenvolver esta iniciativa.
“Confiamos poder superar esta cifra”, sinala Carneiro Uzal, “xa que nestes días previos foi moita a xente que nos preguntou pola rúa ou por e-mail sobre o proxecto”. Neste sentido, ademais de invitar a todos os veciños a que se acheguen mañá venres ata o centro cultural de Sigüeiro, o concelleiro confirma que “o Concello de Oroso cederá o local e as ferramentas precisas para o desenvolvemento das clases e buscaremos unha parcela para a realización das clases prácticas, ben sexa municipal ou ben por cesión dalgún dos participantes”. Uns alumnos que terán que aboar unha pequena cota para participaren na escola.
A charla de mañá venres será impartida por María Diezma, especialista en agricultura ecolóxica, e polos técnicos ambientais Andrés Reboreda e Juan Gaiteiro, que recentemente participaron na solta de 5.000 bólas de EM-Dango para a limpeza do río Carboeiro. A entrada é totalmente libre.