subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O CEIP Camiño Inglés de Oroso inaugura o "Espazo Pendeloque"


orosoO CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés inaugurou esta mañá o ‘Espazo Pendeloque’, un proxecto de colaboración entre o centro académico e o Concello de Oroso que pretende “poñer en valor o patrimonio social e cultural local, a través dunha mostra arqueolóxica, etnográfica e fotográfica”.

As pezas que se amosan pertencen na súa meirande parte á colección do historiador Manuel Pazos Gómez, que tamén titorizou ao alumnado do centro na preparación desta exposición durante ano e medio.

Este espazo recolle tamén un apartado dedicado ao centenario do descubrimento do Tesouro de Recouso: un conxunto de pezas de gran importancia, as arracadas, chamadas vulgarmente “pendeloques”, que se atopan no Museo das Peregrinacións de Santiago e no Museo Provincial de Lugo. Por outra parte, o Museo Pedagóxico de Galicia cedeu unha pequena selección de pezas que recrean unha escola dos anos 50 e 60 do século pasado.

No acto de inauguración de hoxe, o concelleiro Luis Rey destacou “o esforzo que hai detrás desta mostra, un exemplo máis da paixón coa que fai as cousas Manuel Pazos”, agradecendo ademais “a iniciativa do alumnado e da dirección dun centro que é un exemplo en docencia e en abrirse á sociedade”.

A concelleira de Ensino de Oroso, Isabel Fernández, resaltou “a recuperación non só dos obxectos, tamén de moitos nomes de obxectos que non podemos esquecer pola importancia que teñen para a nosa lingua”.

Pola súa parte, o historiador e bibliotecario Manuel Pazos falou “da importancia de coñecer as cousas para aprecialas e querelas”, eloxiando “o interese que durante un ano e medio de traballo demostrou o alumnado”.

SECCIÓNS

A mostra pretende un achegamento á cultura tradicional local e galega para o alumnado e ps visitantes. Conta con catro grandes seccións: arqueoloxía, fotografía, etnografía (escola, infancia, música, o tecido, o agro, o fogar e a tecnoloxía) e unha zona de traballo con material para o estudo das ciencias sociais.