subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso manterá a todos os docentes do CEIP Sigüeiro


 

Dende o Concello de Oroso, o seu alcalde, Manuel Mirás Franqueira, e a concelleira de Mulleres, Ensino e Benestar Social, Isabel Fernández Gallego, intentaron localizar, en diferentes ocasións na mañá do xoves 11, ao xefe territorial de Educación para manifestarlle o seu malestar polo feito de que dende a Xunta de Galicia se trate de eliminar unha nova praza de docente do CEIP Sigüeiro ao proceder ao desprazamento da titular correspondente.

A supresión deste posto implica a eliminación dunha liña no nivel de 2º de Educación Primaria no vindeiro curso 2019/2020, quedando o grupo con 27 alumnas/os, algúns deles con necesidades educativas especiais.

O Real Decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria, no seu artigo 11 establece que “os centros de educación primaria terán, como máximo, 25 alumnos por unidade escolar”, polo que neste caso se supera a ratio.

Este feito leva consigo que a atención non sexa o individualizada que correspondería. Ademais situacións semellantes a esta non son feitos illados, senón que xa veñen sendo habituais no noso Concello. Na procura da mellora da calidade educativa e, por suposto, en beneficio dos estudantes non se pode permitir este agravio.

A última hora da tarde de onte e grazas ás presións tanto por parte do goberno municipal, como dos sindicatos e do propio centro educativo, confirmouse que non se procederá a este desprazamento de docente.