subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Dous alumnos do IES Oroso demostran que é posible ter un fogar con autonomía enerxética.


oroso“A nosa idea é fomentar o uso de enerxías renovables para reducir a dependencia das enerxías contaminantes; así, nun futuro, pensamos construír a nosa vivenda utilizando este tipo de fontes renovables”, aseguran Sara Meijide Tobío e Martín Blanco Lagares, alumnos de 4º da ESO do IES Oroso.

Son os dous autores dun traballo que, baixo o título ‘Sería posible ter un fogar con autonomía enerxética?’, consistiu nun estudio enerxético e económico para dar resposta a esa pregunta e saber si, efectivamente, unha vivenda unifamiliar podería autoabastecerse enerxéticamente e incluso sacar proveito económico dunha instalación de paneis fotovoltaicos.

“Para todo isto tivemos en conta que, como segundo o mes e a hora do día o subministro da enerxía solar oscila e incluso nas franxas nocturnas é nulo, conectaríamos a instalación a unha rede eléctrica para poder envorcar a enerxía en exceso que se produza e recuperala pola noite ou cando o subministro enerxético na vivenda sexa insuficiente; para seguir na liña da redución da dependencia de fontes de enerxía contaminantes, buscaríamos unha compañía que so subministre corrente producida por enerxías renovables”, explican.

Para coñecer o perfil de consumo eléctrico local, os autores de traballo pediron “facturas da luz aos habitantes de quince vivendas unifamiliares da zona rural do municipio de Oroso, e para que o noso estudio fose mais exhaustivo, eliximos so aquelas pertencentes a vivendas co número mais repetido de habitantes e coa mesma ou similar aparatoloxía eléctrica instalada no fogar”.

“Como a nosa instalación estará conectada cunha rede eléctrica, só precisaríamos mercar para levar adiante o noso plan paneis fotovoltaicos, inversor (transforma a corrente continua en alterna sincronizando a corrente que se produce coa rede) e contador enerxético (computa a enerxía consumida e a xerada)”, explican. O estudo examina incluso as vantaxes e inconvenientes dos tres tipos de paneis solares fotovoltaicos máis implantados a día de hoxe mercado, chegando á conclusión de que os máis axeitados para a zona de Oroso son os de silicio policristalino.

Conclusións

Tras meses de traballo e investigación, o estudo conclúe que “o tempo estimado para a amortización da nosa instalación é de 10,53 anos, pero debemos ter en consideración que a vida útil dun panel solar é duns 25 anos”, apuntan Sara e Martín.

“Chegamos á conclusión de que a nosa hipótese está avalada suficientemente, incluso estimamos que se podería facer unha inversión maior para acadar beneficios e nun futuro poder concibir unha cooperativa entre os habitantes dunha aldea pequena de Oroso, como se está a facer noutros países como Alemaña, e tratar de impedir que grandes corporacións se fagan co negocio da enerxía fotovoltaica española”, rematan.

Desde o Concello de Oroso, queremos agradecer o traballo e o esforzo de Sara e Martín. Estamos seguros de que as súas ideas serán unha realidade nun futuro próximo, demostrando que as enerxías renovables son unha aposta segura e limpa.

DESCARGA AQUÍ O TRABALLO