subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso oferta un curso gratuíto de finanzas persoais e incorpora un curso online de escaparatismo á súa oferta formativa.


 

O Concello de Oroso, a través da aula mentor EducaOroso, vén de incorporar dous novos cursos á súa oferta formativa: un oline sobre escaparatismo e outro presencial e gratuíto de finanzas persoais, que terá lugar entre o 15 de maio e o 15 de xullo. Mentres o curso de escaparatismo estará a disposición da veciñanza de xeito permanente na Aula Mentor, no curso de finanzas persoais é preciso anotarse antes do 12 de maio no 981 688 950.

O curso de "Finanzas Persoais" expón un sistema de planificación e seguimento das finanzas familiares, propoñendo a aprendizaxe de novas ferramentas financeiras utilizando as tecnoloxías da información e a comunicación para a xestión económica e o investimento familiar. O Concello de Oroso oferta 50 prazas, que serán asignadas por rigorosa orde de inscrición. O curso comezará o día 15 de maio e finalizará o 15 de xullo.

Por outra banda, o curso "Escaparatismo e imaxe no punto de venda" incorporarase á oferta formativa da Aula Mentor EducaOroso. Un curso dirixido a calquera persoa que queira adquirir os coñecementos necesarios para crear a imaxe dun negocio novo ou renovar un xa existente en calquera sector e emprazamento, así como deseñar a súa fachada, escaparates e o seu interior. O alumnado estudará as fórmulas para promover con éxito un negocio ou empresa, analizando os aspectos máis rechamantes a nivel comercial e de imaxe.