subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os escolares de Oroso aprenden a importancia de coidar ben as súas mascotas en obradoiros do Club de Raza Can de Palleiro.


orosoMáis de setenta nenos e nenas dos CEIP de Sigüeiro e do Camiño Inglés, en Oroso, aprenderon a importancia de coidar ben as súas mascotas en varios obradoiros que o Club de Raza Can de Palleiro desenvolveu no centro cultural de Sigüeiro.

En tres quendas sucesivas para o alumnado de terceiro curso de primaria, cuarto de primaria, e infantil e primeiro e segundo de primaria, integrantes da entidade explicáronlles aos escolares que criterios hai que ter en conta á hora de adoptar ou mercar unha mascota, que coidados precisan e que beneficios achega a convivencia cun animal.

Unha das monitoras do obradoiro indicou que se deben escoller o can tendo en conta o tipo de vivenda no que van residir e que o seu carácter sexa acorde ao tipo de actividades que se van realizar con el. Advertiu tamén de que precisa tres paseos diarios, unha alimentación axeitada, coidados de limpeza e atención veterinaria. E deixoulles claro aos nenos e nenas que ter unha mascota é unha responsabilidade que se adquire para sempre, posto que nunca se deben abandonar.

Despois de informar sobre as características máis esenciais da raza autóctona can de palleiro, outro monitor do club, coa cadela Loira, amosoulles aos nenos e nenas que se pode lograr educando ben un can desta raza. Os escolares viron como Loira obedecía as ordes de andar, deterse, sentar, seguir unha persoa ou obedecer unha chamada. Resultoulles especialmente chamativo que a cadela distinguise os números ata o oito, ladrando exactamente as veces correspondentes ao número que os propios cativos lle indicaron.