O Concello de Oroso organiza unha campaña de recollida de alimentos, produtos de hixiene e do fogar para as familias máis vulnerables.
O Concello de Oroso vén de poñer en marcha unha campaña solidaria coa que pretende recoller alimentos, produtos de hixiene persoal e do fogar para as familias máis vulnerables do municipio. Unha iniciativa que se pon en marcha en colaboración cos supermercados Familia e Covirán, que colocarán uns carriños na entrada dos seus establecementos para que aqueles veciños e veciñas que desexen colaborar na iniciativa poidan facer as súas achegas dun xeito rápido e sinxelo.
Dende os Servizos Sociais lembran que as achegas teñen que ser de produtos non perecedoiros e correctamente empaquetados: conservas, aceite, leite, pasta, legumes, arroz... Ademais, lembran tamén da necesidade doutros produtos nos que habitualmente non se pensa e que tamén son precisos, tales como azucre, sal, produtos de hixiene corporal e produtos de limpeza para o fogar. Os Servizos Sociais orosáns serán os encargados de recoller periodicamente estas achegas e de facerllas chegar ás familias máis necesitadas do municipio. A campaña especial estará operativa ata o vindeiro 31 de decembro.