subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso organiza as primeiras 4 sesións de Formación Aberta, que terán lugar os venres de xullo e xirarán sobre os negocios.


Trástase dunha iniciativa de formación continua de adultos gratuíta e aberta a toda a veciñanza, que pode participar como alumno ou profesor.

orosoA Aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso impartirá durante o mes de xullo as súas primeiras catro sesións de Formación Aberta, un proxecto de formación continua e gratuíta de adultos sobre distintas temáticas e nas que os veciños e veciñas poden participar como alumnos ou como docentes. Esta primeira experiencia en Oroso terá lugar todos os venres de xullo, en horario de 10:00 a 12:00 horas, e tratará a temática dos negocios: como montar un negocio, como se xeran as ideas de negocio, que é un negocio innovador ou que relación existe entre emprender e facer negocios.
Podes descargar o cronograma de formación pinchando aquí.

Aqueles veciños e veciñas de Oroso que estean interesados en participar como alumnos poden anotarse na Aula CeMIT Sigüeiro-Oroso (981 688 925 ou nos mails: cemit.oroso@xunta.es ou educaoroso@concellooroso.com). Aqueles que queiran participar como docentes e compartir os seus coñecementos a través do programa Formación Aberta deberán enviar unha proposta formativa aos mesmos e-mails, adxuntando tamén un breve currículo.

Formación Aberta é un proxecto de carácter cultural, educativo e social que pretende fomentar e incentivar a participación social. Os cursos impártense sen exames, nin diplomas, nin impedimentos de idade ou coñecementos previos. O obxectivo final da iniciativa é crear unha especie de enxame, de xeito que cada vez haxa máis cursos e máis docentes.

FORMACIÓN ABERTA/UNIVERSIDADE POPULAR

o proxecto trata de:
ofrecer formación gratuíta destinada a todo o mundo.
democratizar a cultura e difundir o coñecemento libre á maior cantidade de xente.
ensinar cultura como experiencia para axudar á construción dun mesmo, non como unha oportunidade para ter recoñecemento social.
e por riba de todo expandir o desexo de coñecer.

os seus principios son:

a liberdade é o principio básico, o resto é instrumental.
conservar a tradicional calidade da formación da universidade en canto á información a transmitir.
suscitar e mostrar ciclos de formación por seminarios temáticos que consideren primordialmente a progresión persoal no coñecemento.
manter a apertura a tódolos públicos.
difundir o coñecemento crítico, a partires da mostra do seu uso, a interactividade coas diferentes visións, e o fomento do diálogo como forma de acceso directo a contidos.

o seu funcionamento é:
non hai solicitude de nada: nin idade, nin títulos o niveis, sen requisitos de coñecementos previos, sen rexistro algún, sen exames e sen diplomas expendidos.
os cursos dos diferentes seminarios impártense unha vez a semana, nunha reunión de dúas horas: a primeira é unha presentación ben argumentada e a segunda, unha discusión sobre a mesma.
ciclo anual é dende Outubro a Maio.

o obxectivo final é:
como non é unha idea persoal senón colectiva o que se trata de crear un enxame: a cada ciclo máis unidades didácticas e máis docentes.