subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Nova fase do plan integral para mellorar a seguridade viaria nas parroquias


orosoO grupo de goberno do Concello de Oroso, liderado por Manuel Mirás, puxo en marcha este mes de febreiro unha nova fase do seu plan integral para mellorar a seguridade viaria nas parroquias do municipio.

Esta semana, instalouse nova sinalización horizontal e vertical nun cruce en Vilar de Abaixo, na parroquia de Deixebre, concretamente na estrada que une Os Carballos con Recouso. “Coas sinais e as bandas rugosas, aumentamos a seguridade, tanto dos automóbiles como dos peóns”, afirma Antonio Leira, concelleiro de Tráfico (adxuntamos fotografías).

Nestes días instalarase tamén nova sinalización e un paso para peóns á altura da estación de servizo de Os Carballos, preto xa da Nacional 550. Hai previstas a curto prazo outras actuacións, en concreto ao carón do local social e a escola unitaria da parroquia de Trasmonte.

“Son melloras na sinalización que demandan os veciños e veciñas nas reunións que mantemos con eles; o asfaltado de camiños mellora a circulación, pero temos que facilitar tamén a seguridade dos peóns”, engade o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Xunto a estas iniciativas de seguridade viaria, o concello continúa o seu plan de humanización do municipio, tanto no centro como nas parroquias, coa instalación de bancos para descansar, papeleiras ou marquesiñas cubertas nas paradas de autobús.