subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso obtén o compromiso da deputación da Coruña para completar a rede municipal de sendas peonís.


O responsable de Vías e Obras da institución provincial, José Manuel Pequeño, estivo hoxe no concello para visitar a senda de Falmega e falar do proxecto doutra senda en Marzoa.

orosoO Concello de Oroso obtivo hoxe o compromiso da Deputación da Coruña para dar un novo impulso e completar a rede municipal de sendas peonís. O socialista José Manuel Pequeño, responsable do departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña, realizou hoxe unha visita a Oroso. Xunto o alcalde, Manuel Mirás, o deputado provincial Antonio Leira e o concelleiro Eduardo Veiras, inspeccionou as obras da senda peonil de Falmega, que unirá Sigüeiro con Barral (Villaromarís).

“Os traballos están pendentes de que rematen as choivas para entrar na última fase, é unha senda de case seis quilómetros que contou cun orzamento que ronda os 100.000 euros”, asegurou Mirás, que lembra que “esta infraestrutura era unha demanda veciñal que desde o concello trasladamos ao organismo provincial; non foi atendida cando o Partido Popular gobernaba na Deputación, pero agora saiu adiante cun goberno socialista”.

Despois, visitaron a parroquia de Marzoa para falar dun novo proxecto de senda peonil na estrada provincial 3802. Será a continuación dunha senda que vén do concello de Frades e conectará o lugar de O Castro co local social de Marzoa (marxe dereita), para continuar deapois pola marxe esquerda ata O Carballal.

A Deputación da Coruña comprometeuse a impulsar o proxecto para que este licitado a curto prazo. Para o Concello de Oroso, é unha prioridade mellorar as comunicacións entre o centro urbano e as parroquias do municipio. “É ademáis un compromiso electoral que cumprimos para mellorar a vida dos veciños e a seguridade viaria”, afirma o alcalde.

“Xa estamos entre os municipios galegos con máis quilómetros de sendas peonís construídos, un obxectivo importante para humanizar o Concello de Oroso”, engade Manuel Mirás.