subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso avanzará na extensión do abastecemento de auga co Plan de Obras e Servizos de 2018


O pleno aprobou por unanimidade o plan, que supera os 765.000 euros e están dedicados exclusivamente a investimentos.
Un dos proxectos permitirá construír unha cuberta para a piscina municipal para facer posible a súa utilización ata seis meses ao ano.

O Pleno de Oroso aprobou por unanimidade a participación do Concello no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS+ 2018), que suporá o investimento de 765.334 euros. Os principais proxectos incluídos no plan servirán para ampliar a rede de abastecemento a diversos núcleos de poboación, así como a construción dunha cuberta para a piscina municipal e diversas melloras na rede viaria.

O alcalde, Manuel Mirás, explica que co POS+ 2018 o Concello dará “un impulso fundamental para o abastecemento de auga en todo o municipio”. Destacou a chegada do servizo a San Román de Pasarelos e o inicio da rede en Marzoa para que esta parroquia teña abastecemento durante 2019. “Deste xeito, en 2019 pecharemos o ciclo da auga en todo o municipio, un obxectivo no que o Concello efectuou un enorme esforzo nos últimos anos”.

Mirás expuxo ademais que a construción da cuberta da piscina municipal en Sigüeiro facilitará que o seu período de utilización aumente ata os seis meses anuais. A dotación da cuberta estará tecnicamente preparada para unha futura climatización, que polo de agora se descarta porque o municipio non reúne a demanda que os técnicos consideran necesaria para que unha piscina climatizada sexa sostible. “Unha vez que se supere a crise económica e as enerxías renovables resulten máis baratas, o goberno contempla unha posible climatización nun prazo duns catro anos”, avanzou o alcalde de Oroso.

O rexedor salientou que unha vez máis o Concello “non recorre a utilizar diñeiro dos investimentos en gastos correntes, froito da xestión económica sostible e eficiente que estamos aplicando”. Neste sentido, Mirás detallou que a Administración Local de Oroso dispón de practicamente un millón de euros entre fondos propios e o remanente positivo de tesourería para destinar a investimentos en infraestruturas a curto e medio prazo.

Proxectos
Así pois, os proxectos incluídos no POS + 2018 no Concello de Oroso son os seguintes:
- Ampliación do pavimento en diversos viais do núcleo de poboación de Rial (Trasmonte) e ampliación da rede de abastecemento de auga nos núcleos de poboación de Rial (Trasmonte) e Mixoi (Calvente). 116.186,54 euros.
- Mellora da rede viaria nos lugares de Vilacide de Arriba e Vilacide de Abaixo (Oroso), Cabanas (Calvente), O Seixo (Pasarelos) e A Toxeira (Sigüeiro). 63.649,79 euros.
- Ampliación da rede de abastecemento de auga nos núcleos de poboación de Garga e Fafián (Trasmonte). 87.023,54 euros.
- Proxecto básico e de execución de construción da cuberta da piscina municipal. 210.475,91 euros.
- Ampliación da rede de abastecemento de auga nos núcleos de poboación de Bran (Ánxeles) e San Román de Abaixo (Pasarelos). 51.238,71 euros.
- Abastecemento de auga e saneamento en Piñeirón (Gándara). 210.586,07 euros.

Dentro do plan complementario, que se financiaría con cargo ás baixas de licitación dos anteriores proxectos, están incorporados estes proxectos:
- Adecentamento da capa de rodadura do vial público entre A Baiuca (Senra) e Requeixo (Cardama). 53.082,06 euros.
- Reurbanización da Rúa de Ourense (Sigüeiro). 100.000 euros.