subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Medio cento de nenos e nenas do CEIP e do IES Oroso participan nos “Días Verdes de Oroso”.


Os rapaces asistiron a unha charla sobre reciclaxe e encheron un camión co lixo que recolleron ao longo da mañá no municipio.

orosoAlgo máis de medio cento de nenos e nenas de 4º de Primaria do CEIP Oroso e de 5º da ESO do IES Oroso participou na mañán deste xoves nos “Días Verdes de Oroso”, unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso para concienciar aos máis novos da necesidade de preservar a natureza cun cambio de actitude que propicie un encontro máis respectuoso co medio ambiente. “O obxectivo é que tomedes conciencia do pouco que coidamos o medio ambiente”, explicoulles o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e adiantoulles que “hoxe comprobaredes cantas cousas tiramos sen control e por todas partes”.

Un anuncio que se cumpriu con creces, pois os rapaces levaron ao punto limpo de Sigüeiro un camión cheo de refugallos, sobre todo latas de refresco, botellíns de auga, cajetillas de tabaco... nas tres áreas sobre as que actuaron: a urbanización Porto Avieira, o polígono empresarial de Sigüeiro e o camiño ao Refuxio. Unha saída na que estiveron acompañados polos seus profesores, membros de Protección Civil de Oroso, da Policía Local de Oroso e as concelleiras de Ensino, Beatriz Rodeiro; Turismo, Vanesa Boo; e os concelleiros de Cultura, Luís Rey, e Obras, Eduardo Veiras.

Charla previa

Antes da recollida, o alcalde orosán explicoulles aos pequenos que “se facemos as cousas ben, ademais de conservar o noso medio natural tamén conseguiremos que os vosos pais e nais pagen menos polo lixo. Agora se están pagando unha media de 68 euros por ano, cando se se fixeran mellor as cousas poderiamos baixalo 8 euros”. Por iso, Manuel Varela, técnico de medioambiente do Grupo Soil (empresa encargada da reciclaxe en Oroso) explicou que “o obxectivo é reducir a cantidade de lixo no contenedor verde, no que van todos os residuos que non poden reciclarse, e incrementar as achegas nos outros”.

Ademais, Varela insistiulles aos pequenos que “vós sodes os protagonistas da reciclaxe. Se non lle dicides a papá e a mamá que hai que separar o lixo na casa, o resto da cadea non funcionaría. Vós o sabedes facer ben, o problema son os maiores e aquí tendes que axudarlles e insistirlles”. Uns rapaces e rapazas que coñecían á perfección en que contenedor ían cada tipo de residuo.

O Concello de Oroso entregoulles a todos os participantes unha camiseta conmemorativa dos “Días Verdes”, así como un xogo de mesa protagonizado por “Troi”, a mascota que o Concello está a utilizar para achegar o mundo da reciclaxe aos nenos e nenas do municipio.