subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso agarda que as obras de urbanización do vial de acceso á gardería da Chousa Nova estean rematadas nunhas semanas.


Os traballos, orzamentados en máis de 106.000 euros, inclúen a construción dunha beirarrúa, zona de aparcamento e a conexión da escola infantil cos servizos de auga, gas e electricidade

orosoO Concello de Oroso vén de iniciar as obras de urbanización do vial de acceso á escola infantil da Chousa Nova dende a estrada provincial CP-3801. Unhas obras orzamentadas en 106.042,85 euros, dos que o Concello de Oroso achegará case 13.000 euros, e que están incluídas no POS 2015. “Deste xeito, a nova gardería terá uns amplos accesos dende a Avenida da Grabanxa, cunha beirarrúa e unha ampla zona de aparcadoiro”, explica o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, quen agarda que as obras “poidan estar rematadas nunhas semanas, probablemente a finais de xullo ou principios de agosto”.

As obras están sendo executadas pola empresa SYR-AMG obras y servicios, que tamén acometerá as conexións da escola infantil Chousa Nova cos servizos de auga, gas e electricidade. En todo caso, as obras estarán listas para o inicio do curso 2015-2016, o primeiro da escola infantil Chousa Nova, no mes de setembro.

A nova escola infantil ten tres unidades, cun total de 41 prazas de 0 a 3 anos e complementa á gardería da Ulloa, que dispón de 61 prazas. En total, esta gardería supuxo un investimento próximo aos 450.000 euros, dos que 164.000 foron achegados polo Concello de Oroso e os restantes 286.000 euros foron financiados pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Educación, de acordo ao establecido no Plan Educa3 asinado en 2011.