subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A nova escola infantil de Oroso estará rematada antes de finais de ano e poderá abrir en abril a matrícula para o curso 2015-2016.


O alcalde, Manuel Mirás, destaca a gran colaboración ofrecida tanto pola empresa construtora como pola Consellería de Traballo e Benestar para o correcto e rápido desenvolvemento das obras.

orosoAs obras da nova escola infantil municipal de Oroso, que deron comezo o pasado mes de abril, estarán finalizadas antes de que remate este ano. Así llo confirmaron os responsables da empresa adxudicataria destes traballos, Obras y Servicios Gómez Crespo SL, ao alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e ao concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, durante unha visita ás instalacións.

Manuel Mirás e Eduardo Veiras amósanse moi satisfeitos tanto polo ritmo das obras como pola execución das mesmas xa que “así non haberá unha apertura tan precipitada como a do novo colexio, senón que poderemos abrir a matrícula o vindeiro mes de abril e empezar a funcionar no curso 2015-2016”, explica o alcalde orosán, quen destaca que “deste xeito, espero que todos os nenos e nenas de entre 0 e 3 anos poidan estar escolarizados en Oroso”. “Temos a sensación que vai ser unha gardería moi acolledora para os nosos cativos, vendo como están distribuídos os distintos espazos e como se están a executar as obras”, engade o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras.

Colaboración

Así mesmo, Mirás agarda que “as obras poidan quedar certificadas este ano para así poder pagarlle xa ao Consorcio e non ter que volver a incluír esta partida nos Orzamentos do 2015, pois xa levamos catro anos seguidos cos cartos orzamentos e espero que non teñamos que chegar a un quinto”.

O alcalde de Oroso destacou especialmente a colaboración ofrecida tanto pola empresa adxudicataria das obras como pola Consellería de Traballo e Benestar. “Esta colaboración é esencial para que os traballos poidan desenvolverse da mellor maneira posible”, incide Manuel Mirás, “así aconteceu co centro de saúde, onde a colaboración coa empresa e coa Consellería de Sanidade foi exquisita, e tamén se está a producir coa construción da nova gardería”. Este tipo de colaboración permitiu, por poñer un exemplo, coordinar as obras de instalación das tomas de auga e electricidade cos traballos de xardinería exterior, de xeito que se evitou ter que escavar dúas veces ou ter que volver a plantar o céspede.

Unha actitude de total colaboración que Mirás contrapón á mantida pola Consellería de Educación e a empresa construtora do novo colexio de Oroso, que en ningún momento se puxeron en contacto co Concello para informar sobre o estado dos traballos nin para solicitar ningún tipo de colaboración. Isto xerou distintos problemas, como que a Xunta non fixera a correspondente petición de enganche a Gas Natural ou que o peche exterior do recinto non fose o axeitado, que xa poderían estar solucionados hai tempo pero que agora están a atrasar o remate das obras de urbanización exterior.

Gardería

A posta en marcha da que será a segunda escola infantil pública de Oroso é unha obra moi agardada pola veciñanza, xa que o municipio rexistrou no último lustro unha media duns cen nacementos anuais e a poboación menor de idade representa máis da quinta parte do censo. O centro suporá un investimento de 410.000 euros, dos que 164.000 os vai achegar o Concello de Oroso e os restantes 246.000 euros serán financiados pola Xunta e pola Administración Central do Estado. Así estaba acordado no marco do Plan Educa3 do ano 2011, no que o Concello se comprometeu tamén a facilitar a parcela para a gardería, tal e como fixo en setembro de 2013.

A nova escola infantil terá tres unidades, cun total de 41 prazas. Complementará a actual gardería da Ulloa, que dispón de 61 prazas (8 para bebés, 13 para nenos de 1 a 2 anos; e 40 para rapaces de 2 a 3 anos). Sesenta e unha prazas que son por tempo completo (mañá e tarde), o que supón que o número final de admitidos sempre depende das necesidades e peticións das familias beneficiadas (cunha media duns 75 alumnos matriculados por curso). A gran demanda de prazas que se rexistra cada ano fixo que o Concello de Oroso tomara a iniciativa de solicitar da Xunta a creación desta nova gardería. A reclamación víñase presentando dende 2007 e confirmouse en outubro de 2010 cun acordo a tres bandas entre o Concello, o Ministerio de Educación e Xunta de Galicia.

O Concello de Oroso empregará parte do remanente de tesourería positivo dos orzamentos de 2013 para a urbanización dos accesos á nova gardería, que terá unha ampla entrada propia desde a Avenida da Grabanxa a través dun novo camiño que se urbanizará. Deste xeito, garántese unha entrada doada ao recinto e tamén unha zona de aparcadoiro espazosa. Estas obras de urbanización están programadas para os meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2015.

A escola infantil xa dispón dos servizos de auga, saneamento e luz, xa que o Concello de Oroso xa instalara aló un transformador con capacidade para dar servizo á nova gardería cando fixo a ampliación do CEIP de Sigüeiro.