subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso acomete a última fase da conexión por senda peonil entre Sigüeiro e a urbanización Porto Avieira (Gándara).


As obras supoñen un investimento de 50.000 euros e estarán rematadas antes de fin de mes.

orosoO Concello de Oroso está a rematar as obras da última fase da senda peonil que unirá a urbanización Porto Avieira (Gándara) coa capital municipal, Sigüeiro. As obras estanse a acometer na rúa María Casares, moi utilizada como primeiro acceso á urbanización Porto Avieira.

Os traballos realízanse ao longo dun tramo duns trescentos metros, entre as beirarrúas da primeira mazá da urbanización e a segunda fase da senda peonil, construída polo Concello de Oroso en setembro de 2012. Unhas obras que tamén inclúen a instalación da tubaxe correspondente á recollida de pluviais e que supoñen un investimento de case 50.000 euros por parte do Concello de Oroso.

O concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, agarda que os traballos “poidan estar rematados nos próximos días” e adianta que “a nosa intención é seguir mellorando a conexión da parroquia de Gándara con Sigüeiro a través de sendas peonís, polo que nun futuro agardamos poder chegar cunha senda peonil ata O Piñeirón”.

Compromiso cumprido

Deste xeito, o Concello de Oroso cumpre co compromiso que o seu alcalde, Manuel Mirás, adquirira cos veciños e veciñas de Porto Avieira hai un ano (setembro de 2013). Nesa data, Mirás anunciara que “nos próximos anos temos a intención de rematar a senda peonil entre Sigüeiro e Gándara co tramo da rúa María Casares, no mesmo lado onde vai o alumeado público que acabamos de estrear. Deste xeito, os veciños e veciñas de Porto Avieira estarán unidos coa capital municipal a través dunha senda peonil que partirá das propias beirarrúas da urbanización, o que mellorará a súa seguridade viaria”.

Unha vez rematen os traballos postos en marcha a principios deste mes de setembro, O Concello de Oroso terá investido preto de 150.000 euros nos últimos tres anos en mellorar a seguridade viaria dos veciños e veciñas da parroquia de Gándara mediante a conexión da urbanización Porto Avieira con Sigüeiro e en dotar á rúa María Casares de alumeado público.