O Concello de Oroso investiu 39.000 euros en melloras na piscina municipal de Sigüeiro e na instalación de diversos xogos acuáticos.
O alcalde Manuel Mirás adianta que “ao longo dos próximos días colocaremos tamén un tobogán na piscina”.
O Concello de Oroso investiu 39.000 euros en actuacións de mellora na piscina municipal de Sigüeiro, entre as que se incluíu a instalación de diversos xogos acuáticos dirixidos aos máis pequenos. Unhas instalacións que xa foron desfrutadas polos 25 nenos e nenas que participan en “Mergullarte”, o programa de conciliación familiar posto en marcha polo Concello de Oroso para esta última semana de xuño.
Ademais dos traballos de posta a punto dos vasos das piscinas e das instalacións municipais, o Concello de Oroso instalou un miniparque acuático entre a piscina dos nenos e a dos adultos, especialmente pensado para o seu uso polos máis pequenos da casa. Dispón de dúas setas de auga e dúas columnas de chorros sobre un chan antideslizante, así como dun pequeno tobogán para os nenos e nenas máis novos.
“Ao longo dos próximos días colocaremos tamén un gran tobogán na piscina”, adianta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Unha peza que chegará dende Canadá durante a próxima semana e que non puido chegar antes a Oroso por mor dun erro por parte da empresa naval que transporta os contenedores. Deste xeito, o alcalde de Oroso dará cumprimento ao compromiso adquirido o pasado mes de abril cos veciños e veciñas de Sigüeiro durante un “Encontro co alcalde”, xa que case todos os presentes demandaron melloras na piscina municipal.
Os novos xogos acuáticos, que estarán dispoñibles para os usuarios e usuarias da piscina municipal, foron estreados esta semana polos 25 nenos e nenas que participan no programa de conciliación “Mergullarte”, que durante esta última semana estivo organizando actividades lúdicas e educativas para rapaces de 3 a 12 anos coincidindo co inicio das vacacións escolares.