O Concello de Oroso inviste 40.000 euros na mellora da zona axardinada da Alameda de Góis.
Mellóranse os accesos á zona cun enlosado en pedra e colocarase caucho na zona ocupada polos aparellos de ximnasia para os maiores.
O Concello de Oroso vén de iniciar as obras de mellora da zona axardinada da Alameda de Góis (Sigüeiro), uns traballos orzamentados en preto de 40.000 euros. O concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, explica que as obras “buscan mellorar o acceso dos veciños a esta zona de ocio, especialmente cando chova, pois colocaremos un enlosado en pedra na contorna que funcionará como pequenas beirarrúas. E despois instalaremos un chan de caucho na zona que ocupan os aparellos de ximnasia para a terceira idade, pois é un chan moito máis axeitado que o xabre actual”.
Uns traballos que complementan as obras realizadas en xullo do ano pasado, nas que se mellorou o sistema de recollida de augas pluviais na zona. Daquela conseguiuse canalizar todas as augas pluviais, evitando que puideran chegar ata a Avenida de Compostela (N-550), e colocouse o bordillo sobre os parterres do parque, así como un firme de xabre con cemento que se manterá como está na actualidade. Os traballos rematarán nos próximos días.
A Alameda de Góis ocupa unha parcela triangular xunto ao paseo do río Carboeiro, o centro urbano de Sigüeiro e a Avenida de Compostela (N-550). Trátase dun espazo público multifuncional e para todas as idades, pois pode ser utilizado polos veciños como parque, dispón dun circuíto biosaudable con máquinas para os maiores e conta cun gran espazo central para acoller eventos como concertos, o tradicional mercadiño dos sábados ou a festa orosán por excelencia: a Festa da Troita.